Xubiladas da Galiza pola paz exixen apostar polas negociacións para frear a guerra en Ucraína

Xubiladas e xubiladas esta segunda feira, 12 de xuño, diante da Delegación do Goberno español na Galiza. (Foto: Nós Diario)
Pedirán ás candidaturas do 23-X medidas programáticas "pola paz".

Xubiladas e xubilados galegos concentráronse esta segunda feira, 12 de xuño, na Coruña ante a Delegación do Goberno español na Galiza para exixir a apertura de negociacións para pór fin á guerra que decorre entre Ucraína e Rusia

O colectivo –que se agrupa baixo o nome de "Xubiladas da Galiza pola paz"– aproveitou a mobilización para entregar no rexistro un escrito dirixido ao presidente en funcións do Goberno español, Pedro Sánchez, no que piden "unha saída negociada e dialogada do conflito ucraíno", segundo informa a Nós Diario Suso Seixo, ex secretario xeral da CIG e integrante do colectivo.

O texto será enviado agora a António Guterres, secretario xeral da ONU; Ursula von der Leyen, presidenta da Comisión Europea; Josep Borrel, representante da UE para asuntos exteriores e Política de Seguridade; e Alfonso Rueda, presidente da Xunta da Galiza. Igualmente, informa Seixo, tamén farán chegar o documento ás distintas candidaturas que concorran ás eleccións estatais do 23 de xullo, solicitando nos seus programas a "inclusión de medidas en favor da paz".

Reclamas

Seixo sinala que urxen o Estado español o inicio de xestións diplomáticas, "da mesma maneira que o intentaron organismos como a Unión Africana, o Goberno brasileiro ou o Vaticano". Buscan, con isto, que se consiga un cese o fogo que leve a un "acordo de paz duradeiro e definitivo". 

"Entendemos que este conflito, polas potencias implicadas, ten unha dimensión internacional e que pode derivar nun maior perigo para a propia existencia do planeta, se finalmente se acaban usando armas nucleares", di Seixo.

Por iso, estas xubiladas e xubilados urxen accións diplomáticas "inmediatas" e o estabelecemento relacións internacionais "non baseadas na imposición política ou militar duns Estados sobre outros".