Xosé Miguel Fernández, detido durante a Volta por protestar contra o xenocidio en Gaza: "Tivéronnos esposados até que pasou a carreira, a modo de castigo"
Xosé Miguel Fernández foi un dos oito detidos este domingo pola Garda Civil no Corgo (comarca de Lugo) por protestar contra o xenocidio de Israel en Palestina durante a Volta ciclista. Varios participantes na protesta foron quen de expresar o apoio a Palestina durante a 15ª etapa ao situárense con pancartas contra o xenocidio na beira da estrada antes de que pasara o pelotón ciclista.
—Como decorreu a protesta no Corgo?
Estabamos oito persoas cunha pancarta e puxémonos á beira da estrada antes de que pasara o pelotón para protestar ao paso da carreira. O que pasou foi que veu a Garda Civil e botounos fóra. Foron máis ou menos correctos no trato pero esposáronnos e tivéronnos máis dunha hora alí, obrigáronnos a sentarnos no chan e tivéronnos máis dunha hora alí esposados, foi en plan castigo porque xa pasara a caravana e a nós seguíronnos tendo alí. Penso que foi pola rabia deles de non ter dado parado o tema.
—De que vos acusaron para detervos?
Alí non nos dixeron nada. No atestado [Miguel le para Nós Diario o texto literal do mesmo, en castelán] acúsannos de pertenza a un grupo de manifestantes que, segundo din no texto policial, se atoparían no percorrido da Volta ciclista portando bandeiras e pancartas de Palestina, se terían introducido na estrada no momento en que pasaba o pelotón de ciclistas retendo o tráfico e vehículos da proba, obrigándoos a deterse, poñendo en perigo a integridade física dos corredores e demais asistentes ao evento, di o texto.
—Cantas horas estivo detido?
Isto foi arredor das catro da tarde, estivemos alí máis dunha hora e despois leváronnos para o cuartel, metéronnos en celas toda a tarde case até ás once da noite que saíu a última persoa. Supoño que isto o pasarán agora ao xulgado e será quen nos chame, penso que é un delito de desordes ou algo así, polo que nos dixeron.
