A policía carga na meta da Volta en Monforte e detén a responsábel do BNG, Rosana Prieto
A etapa deste domingo 7 de setembro da Volta ciclista ao Estado español estivo marcada polas protestas desde a súa saída na Veiga (comarca do Eo-Navia) até a súa chegada a Monforte (comarca de Lemos)
A xornada deste domingo da Volta ciclista ao Estado español partiu ás 12:45 da Veiga, comarca do Eo-Navia, onde centos de persoas reclamaban a exclusión da competición do equipo israelí.
Os manifestantes, unha parte dos cales portaban bandeiras palestinas, acusaron ao Goberno de Israel de estar a cometer un xenocidio co pobo palestino e criticaron a postura do Goberno español.
A localidade da Fonsagrada, na comarca homónima, foi o segundo escenario das mobilizacións contra a Volta. Neste caso, ducias de persoas con bandeiras galegas coa estrela e palestinas esixiron o rema do xenocidio contra o pobo palestino.
A policía en Fonsagrada
A policía identificou a varias das persoas presentes na concentración e anunciou a apertura dun expediente sancionador contra un deles. O paso da volta pola Fonsagrada estivo marcado pola choiva.
Unhas ducias de persoas manifestaron as súas protestas contra a Volta en Castroverde, na comarca de Lugo, portando bandeiras galegas coa estrela e bandeiras palestinas. Neste municipio, repetíronse as voces de orde das outras concentracións.
Protestas en Sarria
A Volta ciclista foi recibida en Sarria con berros contra a presenza do equipo israelí na competición. Na localidade, os manifestantes portaban bandeiras de Palestina e da Galiza coa estrela de cinco puntas.
O punto de remate da etapa deste domingo da Volta ciclista, a localidade de Monforte, na comarca de Lemos, congregou centos de persoas que desde unha hora antes do remate tomaron as rúas próximas á meta.
Cargas en Monforte
A policía cargou en diversos momentos contra algúns dos manifestantes presentes na meta de Monforte, que berraban contra o xenocidio do pobo palestino e reclaman a exclusión da volta do equipo de Israel. Nese mesmo lugar, detivo á responsábel comarcal do BNG, Rosana Prieto.
O corredor danés Mads Pedersen alzouse finalmente co trunfo da etapa, nunha xornada onde un policía que cruzou por diante do pelotón para reter un manifestante provocou a caída do ciclista Javier Romo.