Xornalistas Galegas fai un chamamento aos poderes públicos para "compatibilizar" convocatorias de prensa e conciliación

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, comparecendo ante os medios de comunicación. (Foto: Europa Press)
A asociación reivindica o uso das tecnoloxías como "vía de promoción de cara á cidadanía nos aspectos que non requiren unha cobertura informativa profesional".

A asociación Xornalistas Galegas fixo un chamamento esta cuarta feira, 8 de marzo, coincidindo co Día Internacional das Mulleres Traballadoras, aos poderes públicos para que haxa "compatibilidade" entre as convocatorias de prensa e o dereito á conciliación.

Este colectivo, formado por mulleres profesionais de todos os ámbitos da comunicación comprometidas cun xornalismo con perspectiva feminista, xa remitiu a diferentes administracións públicas e partidos políticos un escrito para promover a racionalización dos horarios de actos que requiren cobertura informativa.

Deste modo, apelan á responsabilidade dos poderes públicos co obxectivo de que exista unha "aplicación real das medidas de conciliación que recollen nos seus idearios". Xornalistas Galegas solicita unha medida "concreta e inmediata" que contribúa a "visibilizar un primeiro paso do compromiso dos poderes públicos nesta materia".

Aliás, reivindica o uso das tecnoloxías como "vía de promoción de cara á cidadanía nos aspectos que non requiren unha cobertura informativa profesional", para que "se centren as convocatorias en actos nos que a cobertura presencial leve a un enriquecemento da información", minimizando aquelas que, por horario —tarde-noite, fins de semana, festivos, etc.—, "agravan as dificultades das xornalistas para conciliar".

Colexio de Xornalistas

Pola súa parte, o Colexio Profesional de Xornalistas da Galiza apunta nun comunicado con motivo do 8-M, asinado pola xornalista Aida Pena, a que as profesionais da información "deben utilizar as súas posicións nos medios para denunciar a desigualdade".

Pena manifesta, entre outros aspectos, que aínda "persiste a fenda salarial e persisten as dificultades para acceder a postos de responsabilidade", pero que "isto non pode facer que caia na desesperanza".

Nesta liña, o escrito insta a abordar a información "con enfoque feminino e feminista" e manifesta que "non se pode baixar a garda, non se pode mirar cara a outro lado diante das situacións que exclúen ás mulleres".