A xornalista de Lugo Érika Reija recibe en Ferrol o XVIII Premio José Couso

Reija na recollida do premio (Foto: Xornalistas)
O traballo da correspondente de TVE foi recoñecido polos seus compañeiros de profesión con este galardón que entrega o Club de Prensa de Ferrol.

A xornalista lucense Érika Reija, correspondente até hai unhas semanas de TVE en Rusia, recibiu no mediodía deste sábado o premio que a acredita como gañadora da XVIII edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, convocado cada ano polo Colexio Profesional de Xornalistas da Galiza e o Club de Prensa de Ferrol.

Nun acto desenvolvido no Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol, presidido polo alcalde desta cidade, Ángel Mato, Reija asegurou que é a súa intención "regresar a unha Rusia máis libre" e dedicou o galardón os xornalistas independentes deste país e os informadores mortos, "especialmente na guerra de Ucraína".

 A xornalista quixo lembrar tamén o asasinato de José Couso, que lle "confirmou que quería facer ese tipo de información", e tivo unhas palabras para Pablo González, detido en Polonia, pedindo que se aclare a súa situación e que se poida pór en contacto coa súa familia.

A xornalista recibiu este premio grazas aos votos emitidos polos colexiados de colexio galego e os socios do club ferrolán, tras ter que abandonar a correspondencia de Moscova da televisión pública tras a aprobación dunha lei que criminaliza o traballo xornalístico.

Érika Reija foi tamén a protagonista dunha recepción que se desenvolveu neste espazo municipal desde as 11.00 horas, onde se reuniu co rexedor ferrolán e con edís do Concello, ademais de con representantes das dúas entidades organizadoras deste premio, lugar no que a xornalista asinou no libro de ouro da cidade.

Posteriormente, participou nun coloquio conducido pola xornalista ferrolá Patricia Hermida, no que se trataron temas como a situación do xornalismo en Rusia, a cobertura informativa da guerra de Ucraína e os teitos de cristal da profesión.

Reija reivindicou a necesidade da igualdade na profesión e de que os medios "aposten por un tipo de cobertura que dea o tempo e os recursos para informar ben". A xornalista quixo lembrar tamén o asasinato de José Couso, que lle "confirmou que quería facer ese tipo de información", e tivo unhas palabras para Pablo González, detido en Polonia, pedindo que se aclare a súa situación e que se poida pór en contacto coa súa familia.

Por último, asegurou: "A pesar dos desencantos, sigo pensando, que esta é a profesión máis fermosa do mundo".