Xornalista da TVG reprocha ao Bloque que non asistise ao funeral relixioso de Estado polas vítimas de Angrois

Perante a insistencia da redactora, nunha conferencia de imprensa, Jorquera respostou taxativo: "non compartimos cerimonias de sometemento do público ao relixioso". Tampouco AGE fixo parte do acto na Catedral rexeitando o que denominou "hipócritas cerimonias espectáculo". O funeral civil será esta cuarta feira 31 no parque de Bonaval


"Mais, por que non foron? Foi unha decisión en común? Foi algo que teñen nas bases do BNG? --en aparente alusión aos Estatutos-- Hai algunha prohibición expresa? Porque a cidadanía galega reclamou a presenza do BNG nese acto"

Nestes termos literais lanzou unha xornalista da TVG o seu reproche durante a rolda de imprensa en que a formación frontista reclamou que se depuren responsabilidades políticas en relación ao sinistro ferroviario acontecido na curva da Grandeira, que deixou 79 mortes.

A traballadora da televisión pública insistiu en coñecer polo miúdo as razóns que levaron ao Bloque a non facer parte dos oficios relixiosos celebrados na Catedral de Compostela. Formulou a súa pregunta despois de que o voceiro nacional do BNG tivese respostado xa a outra que, sobre o mesmo asunto, realizou un traballador de El Mundo: "por que non mandaron representación oficial ao funeral?" 

"Somos absolutamente respectuosos co acto que se celebrou, mais reivindicamos o mesmo respecto para quen non ten as mesmas crenzas ou non profesa a mesma relixión", explicou Vence. E chegou entón a batería de preguntas da xornalista da televisión pública, que pechou coa afirmación de que "a cidadanía galega reclamou a presenza do BNG nese acto".

A explicación ofreceuna desta volta o voceiro do Bloque no Parlamento, Francisco Jorquera: "a min non me consta que a cidadanía galega reclamase a presenza do BNG. Non sei cales son as fontes que vostede manexa. En todo caso, estamos nun estado aconfesional e cómpre estabelecer unha separación estrita entre os poderes públicos e o ámbito relixioso, que pertence ao privado".

"O BNG --continuou Jorquera-- tería asistido a funerais privados de vítimas desta catástrofe por respecto. Porén, non compartimos cerimonias de sometemento do público ao relixioso. Son necesarios actos de carácter civil que teñan en conta a pluralidade de sentimentos que existen nesta sociedade".

Funeral civil en Bonaval: cuarta feira, 19h

Non só o Bloque rexeitou facer parte dun funeral de Estado de carácter relixioso. Tampouco asistiu AGE. A través dun comunicado de imprensa, a coligación que lidera Xosé Manuel Beiras afirmaba que non tomaría parte "de hipócritas cerimonias espectáculo". 

Mediante unha carta remitida ao presidente da Xunta, o voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, reclamou para esta segunda feira un funeral civil que dese comezo unha hora antes do relixioso. A proposta non foi para diante até que a presentou a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, nunha reunión esta terza feira en que recibiu o visto e prace dos catro grupos parlamentarios.