Denuncian que a directora de informativos da TVG obrigou a emitir imaxes 'crúas' do sinistro

O profesional que editou nun primeiro momento as imaxes descartounas por ser crúas, desagradábeis e considerar que non achegaban nada do o punto de vista informativo. Mais a responsábel de informativos obrigou a emitilas, segundo denuncia 'Eu non manipulo'

A directora de informativos da TVG obrigou a un redactor, contra o criterio deste, a emitir imaxes duras, violentas e crueis do sinistro ferroviario de Angrois, no que faleceron 79 persoas. Isto é o que denuncian traballadores do propio ente público a través do blog `'Eu non manipulo'.

Segundo o relato que se fai neste blog, da primeira gravación realizada no lugar do sinistro, o profesional que editou as imaxes “eliminou os planos nos que se podían recoñecer vítimas, os que amosaban o rescate de corpos aínda sen tapar, e os que ensinaban o aspecto máis morboso da traxedia”. Isto foi emitido. Entón, e sempre segundo este relato, a directora preguntoulle ao redactor se tiña máis material gravado. O xornalista contestou que aproveitara todo o emitíbel, “e que só quedara o excesivamente violento e desagradable, que ademais non aportaba nada desde o punto de vista informativo”.

“O redactor lembroulle a polémica polas imaxes emitidas por algunhas televisións cos atentados do 11M nos trens de Madrid, pero a directora de informativos insistiu en emitilas”

A directora procedeu a ollar as imaxes e insistiu, segundo afirman no blog, en que había que emitilas, “que así era a crudeza do suceso e que non se podía ocultar. O redactor lembroulle a polémica en torno ás imaxes emitidas por algunhas televisións cando se perpetraron os atentados do 11M nos trens de Madrid, pero a directora de informativos insistiu na súa orde”.

Non baixo responsabilidade

O xornalista acatou as ordes, mais quixo deixar claro perante os seus compañeiros que a emisión das imaxes non era responsabilidade súa, senón da directora.

En 'Eu non manipulo' asegúrase que, despois da emisión das imaxes, e das duras críticas xurdidas nas redes sociais, un redactor xefe pediu ao xornalista que nas imaxes que chegasen do sinistro tapase a cara dos falecidos e accidentados.

Desde o Blog lamentan que actitudes como a relatada ameazasen con botar por terra o traballo profesional desenvolvido polos traballadores da TVG