As xornadas da Escola de Igualdade María Vinyals buscan pór a igualdade no centro do discurso político

Chis Oliveira e Priscila Retamozo ofreceron un relatorio no que afondaron na violencia sexual en adolescentes. (Foto: Deputación de Pontevedra)
Primeira xornada en Soutomaior do II Encontro de Políticas Públicas, organizado pola Deputación de Pontevedra.

Esta cuarta feira principiou no Castelo de Soutomaior o II Encontro de Políticas Públicas que organiza a Escola de Igualdade María Vinyals da Deputación de Pontevedra. Máis dun cento de persoas acudiu de forma presencial ao lugar e outro cento seguiu o evento por vía telemática, segundo informou a Deputación.

A violencia sexual e a cultura da violación, a igualdade na universidade e os retos pendentes na docencia e investigación foron as cuestións que centraron o debate da primeira xornada, do que participaron referentes do movemento feminista como Mercedes 'Chis' Oliveira, Priscila Retamozo, Luisa Posada, Rosa Cobo, Soledad Murillo, Rosa San Segundo, Isabel Menéndez, Inma Pastor e Águeda Gómez.

Oliveira, que é catedrática de Filosofía e coordinadora do 'Comando Igualdade', subliñou: "Herdamos unha idea de sexualidade, unida ao concepto de reprodución, que temos que reconstruír e desbotar para impulsar unha sexualidade pracenteira, que se enmarque na comunicación, no entendemento, no afecto, na consideración e no respecto".

Aliás, fixo fincapé en que as relacións sexuais son "cada vez máis precoces", o que implica, dixo, "que nenos e nenas estean entrando en campos onde non se senten cómodas e cómodos, seguras e seguros, e teñen moitos medos que non están a ser atendidos". Esta é, para Chis Oliveira, unha das principais eivas das administracións públicas.

Priscila Retamozo, formadora e técnica en igualdade de xénero, apelou á necesidade de "impulsar unha política pública que tome con seriedade a prevención da violencia sexual". "Estamos a enfocar mal o problema", salientou.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, inaugurou o encontro amosando a súa preocupación por que "a igualdade hoxe non está no discurso político". "E se as mulleres —engadiu— non estamos na toma de decisións non poderemos facer transformacións".

"Vivimos momentos difíciles, onde se están confundido axendas, pero son optimista. Nós temos a nosa axenda, a axenda feminista, a das mulleres, e non imos permitir que outras axendas impidan que poida avanzar a metade do mundo e transformar a sociedade", precisou Silva.