María Victoria Martins: "Segue en pé esa idea de que as mulleres non deben ter o mesmo desexo sexual que os homes"

O departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra organizará mañá a xornada 'Individuas de dudosa moral: a sexualidade feminina, outra vítima da represión franquista', nas que se abordará esta temática desde unha ampla perspectiva. Nós Diario conversa coa investigadora e historiadora María Victoria Martins, encargada de abrir a xornada.  
A historiadora M. Victoria Martins imparte a charla 'A negación da sexualidade das mulleres: a Sección Feminina' (Foto: Nós Diario).
photo_camera A historiadora M. Victoria Martins imparte a charla 'A negación da sexualidade das mulleres: a Sección Feminina' (Foto: Nós Diario).

Que papel xogaba a Sección Feminina da Falanxe na represión sexual das mulleres na ditadura?

Era a organización que se dedicaba á formación das mulleres por parte do propio réxime franquista. Formaban as mulleres para o matrimonio, para ser nais e esposas. Esa era a función das mulleres nese período. Para ser nai había que pasar por esa fase sexual mais era unha fase que era bastante obviada.

Para a Sección Feminina toda a cuestión sexual eludíase. Suponse que as relacións sexuais eran como un trámite para a natalidade, o obxectivo fundamental. A formación era nula a ese nivel e considerábase mesmo que as mulleres eran seres asexuados. Pensaban que non tiñan un maior interese sexual e pasaban polo feito sexual co obxectivo da procreación. É o discurso da Igrexa Católica que foi asumido pola Sección Feminina.

Todo tipo de asesoramento e os consellos que daban en materia sexual quedaba na man dos asesores relixiosos e eles falaban do pecado que era manter relacións sexuais ademais de insistir en que foran moderadas e co único obxectivo de ter fillas e fillos. 

Había posibilidade de que as mulleres escaparan dese adoutrinamento?

A Sección Feminina tivo máis influencia sobre algúns sectores da sociedade que sobre outros. Tivo maior presenza, por exemplo, nas zonas urbanas e nas clases medias que no rural. A súa forma de chegar ás mulleres era a través da materia obrigatoria que daban nos centros escolares e despois tamén polos servizos sociais. Por esta razón chegaba máis ás persoas que tiñan unha formación regrada, caso das que estudaban no ensino medio ou na universidade. Nas zonas rurais tiveron menos incidencia. Porén, sería unha cuestión a investigar este tema de ter máis ou menos influencia. 

O que está claro é que o feito de que non lles chegue a información influía en que as mulleres tiveran moitas dúbidas e algúns medos. Máis se chegaba acompañado do discurso da Igrexa que falaba de pecado e culpa, algo que estaba bastante interiorizado. A cuestión de que non houbera métodos de anticoncepción e de que fora un delito o adulterio evidentemente creaba malestar nas mulleres.

Hai pouca investigación sobre o que pensaban do sexo as mulleres nesa época. En todo caso hai algúns traballos como o de Ramón Serrano Vicéns, un médico que fixo un estudo da sexualidade feminina nos anos 50 e 60. Nel certifica que as mulleres tiñan desexos sexuais mais tamén medo polos condicionantes sociais que impuña o réxime e a Igrexa.    

Que elementos da represión continuaron no tempo despois da morte do ditador? 

Esa idea de que a muller non debe ter o mesmo desexo sexual que os homes aínda segue. Daquela estaba mal visto socialmente que practicaran sexo dentro ou fóra do matrimonio. Se era fóra moito peor, mesmo era delito. Mentres, para os homes non. A Sección Feminina xustificaba a actitude masculina de ter unha libido sexual que non tiñan as mulleres. Esta idea penso que se mantivo durante moito tempo. Seguimos tendo o fenómeno da prostitución que é basicamente feminino, con moitas mulleres que a exercen mentres no caso contrario non é tan frecuente.

Hai dificultades para acceder a esa información?

Os arquivos oficiais seguen sendo problemáticos. E no caso das mulleres é necesario investigación oral, e hai pouca. O tema do sexo segue sendo tabú. Non é algo do que haxa moitos traballos. Aínda así, sempre hai novidades que serven para contrarrestar o que sería a información que chegaba desde as organizacións do Réxime. Esta última é a que máis se conserva e máis domina. Faltan investigacións que vaian directamente ás mulleres para ver as cousas desde outra perspectiva.  

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios