Xinecólogas de Verín recorren o peche do paritorio: “O xerente non ten potestade de decisión”

Manifestación contra o desmantelamento de servizos no Hospital de Verín en 2018 (Plataforma na Defensa da Sanidade Pública-Monterrei)

O servizo de xinecoloxía do Hospital Público de Verín interpuxo un recurso de alzada contra o peche do seu paritorio. Defenden que, segundo a lexislación vixente, a competencia para pechar “un servizo que leva en carteira 25 anos” compete á consellaría de Sanidade, non á xerencia da área sanitaria de Ourense. Segundo as profesionais obviáronse os trámites administrativos e legais pertinentes, limitándoas a unha reunión e o envío “dun comunicado”.  

O equipo de xinecoloxía do Hospital Público de Verín presentou a pasada segunda feira un recurso de alzada co que impugna o peche do servizo de partos. Foi enviado por valixa desde o Concello de Verín, coa interposición destinada á xerencia da área sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras que dirixe Félix Rubial.

O letrado Raúl Lamas, que asesorou ao equipo de profesionais sanitarios, explica así a base do recurso: “O motivo principal de impugnación é a incompetencia da xerencia da área sanitaria de Ourense, Verín e do Barco de Valdeorras para tomar esta decisión. Rubial non é o competente para facer este peche, a súa obriga é prover dos recursos necesarios para asistir este servizo”.

Lamas cita o Decreto de 168/2010 de 7 de outubro polo que se regula a estrutura administrativa de xestión integral do Servizo Galego de Saúde (Sergas) e a Lei 8/2018 de Saúde de Galiza como fundamentos do recurso presentado. “Analizando o articulado observamos que a competencia para tomar a decisión de eliminar un servizo, integrado desde hai 25 anos na carteira do hospital de Verín, non recae no Sergas, que é un órgano meramente xestor, senón na propia Consellaría de Sanidade”, indica o letrado.

“As profesionais de Verín só recibiron un escrito, un sinxelo comunicado asinado por Rubial no que se ordenaba derivar todos os partos das mulleres do Hospital de Verín ao de Ourense. Isto implica, de fondo, o peche do paritorio, aínda que non o cualificaran como tal. Non se realiza ningún trámite administrativo, non se da pé a recurso”, abunda Lamas.

A propia Consellaría de Sanidade, di o letrado, debe seguir un curso legal á hora de tomar unha decisión neste senso, cunha reunión previa co Consello de Saúde. E o procedemento debe poder ser analizado pola vía xudicial contenciosa a través de recursos de alzada. Se ben o recurso interposto polo equipo de Xinecoloxía foi enviado á área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras o destinatario último é a xerencia do propio Sergas, que engloba todas as áreas sanitarias, como “organismo xerarquicamente superior” que debe revisar a decisión do peche.

A normativa non recolle prazos expresamente previstos para casos coma o do Hospital de Verín, explica Lamas, polo que o procedemento será “o habitual”. “Tres meses para obter unha reposta e, de non tela, dous meses máis para que podamos recorrer”, di.

Falta de profesionais

O xefe de xinecoloxía do Hospital Público de Verín, Javier Castrillo, sinala que o seu homólogo no Hospital Clínico Universitario de Ourense (CHUO), Xose Lois Doval, xa avanzara en diversas ocasións a súa intención de pechar o servizo de partos. “En Verín non hai pediatras no cadro de persoal, estábanse a cubrir as gardas con profesionais que se desprazaban desde Ourense. Isto xeraba problemas tanto a nivel profesional como a nivel persoal”, di.

“Alegáronse criterios de seguridade e de perda de calidade do servizo. Son escusas e falacias, os hospitais comarcais damos un magnífico servizo. Sabemos o que podemos atender e o que podemos trasladar”, afirma. “Decidimos facer unha consulta e informarnos, e descubrimos que o peche seguira un procedemento inadecuado.O xerente non ten potestade para decidir. Agora queda esperar a reposta”, conclúe Castrillo.