Centos de veciños e veciñas de Verín levan ás portas do Parlamento a oposición ao feche do paritorio

(Luca Chao)

Trasladáronse en autobuses e vehículos desde Verín, Riós ou A Mezquita, entre outras localidades. Denuncian o desmantelamento de servizos no Hospital verinés e no rural.

 

Centos de persoas procedentes da comarca de Verín manifestáronse esta terza feira diante do Parlamento da Galiza para denunciar o feche do paritorio do Hospital de Verín e da fin do servizo de pediatría. Alí estaban veciños e veciñas, profesionais da sanidade pública, representantes de sindicatos ou de organizacións como PSdeG, Grupo Común da Esquerda e BNG (tamén algúns deputados provinciais do PP, segundo apontou a nacionalista Noa Presas, instando a que se desmarquen da postura de Feixoo). O sentimento, unánime: rexeitar a decisión da Xunta de deixar o Hospital de Verín sen sala de partos.

“Non somos números, somos persoas”, "O meum maniño non nace no camiño", “Feixoo escoita, Verín está en loita” ou “Conselleiro, dimisión” foron algunhas das consignas coreadas polas persoas concentradas, que en declaracións a Sermos Galiza enfatizaron a súa intención de se mobilizar todo o que faga falla na defensa da sanidade pública no rural.

As denuncias coincidían en considerar o fechamento destes servizos como un paso máis nunha política de enfraquecemento do Hospital comarcal e de deixar sen servizos ao rural.