Xesucristo Superman e unha monxa en roupa interior. Unha exposición en Vigo recibe ameazas polo seu contido

Paco Ortigosa e Jack Adriano (Foto: Arte y Cerámica).
Unha tenda da cidade de Vigo dedicada á arte que leva por nome Arte y cerámica, tivo unha iniciativa innovadora para dar visibilidade aos artistas e clientes da tenda.

Unha tenda da cidade de Vigo dedicada á arte que leva por nome Arte y cerámica, tivo unha iniciativa innovadora para dar visibilidade aos artistas e clientes da tenda.

A citada iniciativa, que leva por nome 'Balcón artístico', consistía en expor obras de artistas no escaparate da tenda durante un período de tempo determinado. Isto permitía que ditas obras fosen visíbeis polo público durante as 24 horas do día.

A tenda estes días colleu sona, pois con motivo dunha exposición do 'Balcón artístico' xurdiu unha polémica debido a que o propietario tivo un incidente cunha parella que se achegou pola tenda.

As tres obras que nese momento se atopaban no escaparate pertencían ao artista mexicano Jack Adriano e enmarcábanse na colección que el mesmo denominou Santo Diablo. Estas volvéronse polémicas polo contido de dúas delas, pois nunha pódese ver a figura de Xesucristo, que por baixo da toga leva o traxe de Superman; e na outra unha monxa en roupa interior.

O propietario, Paco Ortigosa, relatou para Nós Diario o que aconteceu. Explicou que o día en que aconteceron os feitos el non estaba na tenda, foi un empregado seu quen o chamou, o que fixo que acudise inmediatamente. Cando chegou atopouse cunha parella que lle solicitaba “como cristianos católicos” que retirase as obras do escaparate por conter estas contido ofensivo, ademais de ameazalo cunha denuncia se se negaba.

“Teño un respecto por toda xente, sobre todo polos clientes, e eles expoñen o que consideran, eu non podo censurar o que os meus clientes expoñen”, afirma Ortigosa e engade que non está obrigado a retiralas, “cada un é moi libre de pensar o que queira”.

O propietario non ten intención de retirar as obras, mais puxo de manifesto que, após manter unha conversa co seu avogado, este recomendoulle pór un cartel no que exprese que non se fai responsábel da temática das obras que no escaparate se expoñen.

Maior afluencia

Non hai mal que por ben non veña e isto notouno Paco Ortigosa ao ver que a afluencia á súa tenda se viu aumentada após a polémica coas obras de Jack Adriano. De feito, as tres obras deste autor xa foron vendidas cando “até agora vendemos moi pouco do que foi exposto no 'Balcón artístico', só algunha de vez en cando”, expresou o dono.

Por outro lado, no que ao 'Balcón artístico' se refire, manifestou que o terán cuberto con exposicións até xuño de 2024, tendo en conta que tivo que reducir o tempo que ten as obras cara ao público debido á afluencia de chamadas que recibiu. Tempo que nun principio era de dous meses por artista, pasou a ser un mes, e de seguir así terá que reducilo a 15 días.

Incidentes anteriores

Ortigosa relata que non esperaba a reacción do matrimonio nin tampouco a polémica que se deu despois polas redes sociais, se ben xa tiña acontecido algo do xénero meses atrás.

Daquela no 'Balcón artístico' atopábase a obra do artista Alfonso Sola na que se vían representadas un grupo de mariscadoras na Ría de Lourizán. Aquel día “unha clienta que estaba dentro comezou a convocar á xente a berros para dicir que tiñamos unha obra no escaparate que era unha violación masiva”, conta Ortigosa, que puxo este comentario en coñecemento do autor da obra en cuestión, quen tampouco “daba crédito” ao que escoitaba.

Paco Ortigosa remata coa reflexión de que “calquera obra que poida caer nas mans dun mal pensado fai que automaticamente se disparen as alarmas.