A xestión da Atención Primaria volve incomodar os colectivos médicos

Saturación e bloqueos no Sergas, mais para Sanidade "o gran problema é recordar as carteiras dos profesionais"

A Xunta prevé alcanzar este ano 60% de atención presencial nos centros de saúde, menos que antes da pandemia. (Foto: Glòria Sánchez / Europa Press).
O colectivo médico de Atención Primaria, incómodo coa proposta do Sergas de ligar o plus de produtividade que cobra a un incremento das consultas presenciais de até 60%, volve aproveitar o envite da Administración para sinalar as debilidades reais da sanidade pública.

Despois de dous anos de traballo, non sempre continuado por mor da pandemia, o Consello Técnico de Atención Primaria mantivo a pasada terza feira, 11 de maio, a terceira reunión de 2021. Profesionais e Administración abordaron nesa cita a carteira de servizos do persoal médico de familia e da pediatría, que se converteuno detonante para saída definitiva a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec) deste foro de debate integrado por máis de 200 persoas e medio cento de organizacións que buscan a definir un novo modelo para a Atención Primaria en diálogo co Goberno galego.

"Aínda que xa estabamos bastante desvinculados do Consello Técnico, esta reunión confirmou que despois de dous anos séguese a traballar en cuestións que non supoñen ningunha solución para os problemas da Atención Primaria neste momento", explica a Nós Diario Jesús Sueiro, portavoz da Agamfec.

Sueiro fala de saturación, dun acceso deficiente dos cidadáns ás consultas, de bloqueos das liñas telefónicas nas áreas administrativas por falta de persoal, "e parece que o gran problema é recordar as carteiras de servizos dos profesionais dos centros de saúde. Iso non supón ningún avance. Hai 30 anos que sabemos cales son os potenciais de traballo de cada colectivo e non ofrece ningunha solución á situación de bloqueo actual", defende.

Desde Agamfec poñen o foco nas reivindicacións iniciais que conduciron á creación das mesas de diálogo do Consello Técnico: "máis financiamento, de até o 25% no primeiro nivel asistencial, unha memoria das prazas necesarias, estruturas de xestión propias para a dinamización da Atención Primaria. Por iso non nos interesa participar", di.

Desde a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública reivindican o diálogo e a calidade do traballo que desde 2019 desenvolven 15 comisións técnicas distintas centradas nos diferentes perfís profesionais e nas necesidades reais da Atención Primaria.

Novo modelo asistencial

"No Consello Técnico están representadas 50 entidades, en parte, asociacións profesionais que desde o primeiro día decidiron apostar polo diálogo e contribuír coas súas opinións. Non todas as ideas son afíns pero todas contan nunha mesa de traballo plural da que se algún colectivo se excluíu desde o minuto un".

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública pide "non poñer en cuestión a mesa de diálogo" que simboliza o Consello Técnico "que é o único que está funcionando e existe neste momento, máis cando nos consta que o xerente do Sergas, José Flores, ten moito interese en que saia adiante un novo modelo de Atención Primaria".

A ese interese, din, os membros das diferentes comisións responden co seu propio, e con meses de traballo que permitiron aprobar xa as conclusións de sete comisións técnicas. "Quedan por validar outras sete. Unha vez se acepten todas as carteiras de servizo de todas as comisións será o momento de elaborar a través da comisión nove o novo modelo da Atención Primaria".

Será o momento de estabelecer como se vai integrar e facer efectiva a carteira de servizos de cada profesional nos centros de saúde, unhas competencias que a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública defende revisar e actualizar.

Atención presencial 

Sobre o anuncio do Sergas de ligar o plus de produtividade que cobra o persoal médico a que alcancen unha atención presencial de 60%, Agamfec defende que "as medidas de xestión teñen que ser unha ferramenta de mellora da calidade e non unha arma contra os profesionais" e piden fixar criterios de calidade asistencial no canto de porcentaxes.

 Pola súa banda, a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública cualifica o xesto de "chantaxe". "O paciente ten que ter a liberdade de acudir ao seu médico cando o necesite". As consultas presenciais non poden ir ligadas a obxectivos "en función do que quere a Administración e non do que quere ou precisan os doentes".