"Carroñeiros da desolación"

O xefe de redacción da RG descualifica a marcha do domingo: "Saíron ás rúas coas súas pancartas e o seu odio"

Luís Ojea

O xefe de Redacción da Radio Galega, Luís Ojea, ten unha columna no ABC. A súa última entrega titúlaa "Carroñeiros da desolación" e nela deita grosas descualificacións sobre a multitudinaria manifestación deste domingo convocada pola Plataforma contra a Lei de Depredación de Galiza: "Saíron á rúa coas súas pancartas e o seu odio".

 

No artigo Luís Ojea non só bate contra a Plataforma contra a Lei de Depredación de Galiza, senón que se refere gabanciosamente á xestión en materia de incendios desenvolvida polo PP desde a chegada de Fraga á presidencia da Xunta: "Cando o presidente Fraga chegou á Xunta fíxose un esforzo inxente para desenvolver un servizo de extinción que hoxe é referente en toda Europa".

 

Ojea, nun alarde de independencia, asume a terminoloxía oficial -a empregada pola Xunta da Galiza, non así polo fiscal especial de Medio Ambiente- ao falar de "vaga de terrorismo incendiario" para aludir a onda de incendios que destruíu en apenas dous días 35.500 hectáreas, o dobro do contemplado como obxectivo máximo de devastación polo Goberno da Xunta no Pladiga 2017.

 

O xefe de Redacción da RG alega que "isto non vai de política partidaria", mais ten bon coidado en consignar que "as piores catástrofes na Galiza se remontan a 1989 e 2006, con gobernos de esquerdas. Portugal e Asturias tamén se queiman con presidentes socialistas".

 

O partidismo de Ojea -nada congruente coa súa condición de responsábel dos informativos dunha emisora de titularidade pública- reloce nos epítetos que dirixe ás organizacións convocantes da manifestación deste domingo: "caverna", "inframundo", "gentuza". "Non nos enganemos. A esta tropa non lle importa o monte galego nen que haxa incendarios que o queimen. O único que lles preocupa é a conflitividade social, alimentar a súa estratexia de mobilización permanente na rúa. A democracia representativa abúrreos. E calquera excusa é boa para a algarada contra o sistema".

 

Conclúe Ojea cunha reflexión sobre que "o terrorismo incendiario é unha lacra que convén afrontar integralmente. Sen apriorismos ideolóxicos", ao tempo que pide unha "reflexión serena e non manifestacións carroñeiras dos profisionais da pancarta".