Crise dos pellets | Entrevista

Xaquín Rubido: "A xestión da crise dos pellets lembra a do Prestige"

Xaquín Rubido, nun acto conmemorativo de 20 aniversario da plataforma 'Nunca Máis'. (Foto: Nós Diario).

Xaquín Rubido (Pontevedra, 1951) é o voceiro da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, unha das entidades que promove a mobilización en defensa do mar do domingo 21 de xaneiro en Compostela. Rubido explica a Nós Diario as razóns da convocatoria e a situación do sector pesqueiro.

—O domingo 21 de xaneiro está convocada en Santiago de Compostela unha manifestación para denunciar a xestión da Xunta da Galiza en relación cos vertidos de pellets e a fonda crise da actividade pesqueira nas rías galegas, cales son as reivindicacións desta mobilización?
Hai dous eixos nas nosas reivindicacións. Un deles está ligado á caída da actividade marisqueira nas rías galegas e outro refírese ao problema xerado polos pellets. Cada día pasan por diante da costa galega 35 barcos con mercadorías perigosas; porén, non hai ningún buque con drones na Galiza que poida facer seguimento dese tráfico marítimo.

—A falta de transparencia na información do Goberno galego e o seu carácter contraditorio están a xerar preocupación entre a poboación polos posíbeis impactos sanitarios, económicos e ambientais dos pellets, que se sabe con certeza sobre os riscos dos microplásticos nestes ámbitos?
As certezas que temos non proceden da Xunta da Galiza, que primeiro sinalou que os aditivos eran inertes e dous días despois cambiou de opinión para afirmar que eran tóxicos. Precisamente, a información da toxicidade dos aditivos foi confirmada pola sociedade civil, polos grupos ecoloxistas ou por científicos da universidade como Ricardo Beiras, após o estudo das referencias dos sacos que chegaron á costa e da análise dos seus compoñentes.

A existencia de aditivos perigosos nos plásticos debería levar a Xunta da Galiza a tomar medidas de precaución e non consentir que os voluntarios e as voluntarias se vexan obrigadas a desenvolver o seu labor sen os medios de prevención necesarios. Este modo de facer ten unha conexión con como se xestionou a crise do Prestige, onde primeiro agocharon a realidade e despois a minimizaron, co que agravaron o problema.

—A presenza de voluntarios limpando nas praias, as demandas dos Concellos reclamando máis medios, as críticas aos erros de xestión da Xunta ou as denuncias de descoordinación na resposta semellan traer ao presente o acontecido hai 20 anos co Prestige, realmente cree que o Goberno galego e do Estado aprenderon algo daquela catástrofe?
As imaxes de voluntarias sen medios de protección e sen contedores onde amorear os residuos redunda no que foi a xestión da catástrofe do Prestige. O Goberno galego tardou máis de un mes en activar Plan de continxencias por contaminación mariña accidental da Galiza (Camgal) para agochar e minimizar o problema, e os atrasos no Camgal trouxeron máis contaminación a todas as praias galegas.

A situación é agora diferente e o modelo de salvamento marítimo precisa dunha mudanza. Mentres a normativa comunitaria estabelece que á fronte destes dispositivos deben estar persoas con perfís técnicos, na Galiza e no Estado séguense para o seu nomeamento criterios políticos.

—A chegada dos pellets á costa galega coincide cunha crise moi importante da actividade nas rías, moi particularmente no sector marisqueiro, que medidas considera urxentes para tentar reverter esta situación?
Este é un problema que vén de atrás e desde Plataforma en defensa da ría de Arousa levamos tempo exixindo medidas. Temos diante nosa o perigo real de que desapareza o modelo tradicional do marisqueo na Galiza e con iso os milleiros de empregos a el asociados. A Xunta da Galiza non protexe os mariscadores e as mariscadoras e non actúa no ámbito das súas competencias para resolver os problemas do sector.

A protesta contra os pellets suma apoios

O sector do mar mobilizarase o vindeiro 21 de xaneiro en Compostela contra a xestión que está a facer a Xunta da Galiza da vertedura de pellets procedente dos contedores do mercante Toconao. A manifestación, que partirá ás 12 horas da Alameda e rematará na praza do Obradoiro, desenvolverase baixo o lema 'En defensa do noso mar'.

A convocatoria segue sumando apoios e ao remate desta sexta feira xa conseguira a adhesión de perto  de 70 entidades. Neste sentido, Xaquín Rubido sinala a Nós Diario que “a maioría dos colectivos que apoian a manifestación proceden do sector pesqueiro pero tamén hai unha importante presenza de entidades ecoloxistas e sociais". Na mesma liña, conta co respaldo de organizacións sindicais como a CIG ou CCOO e mantén aberto o chamado a sumarse a ela a través da conta de correo electrónico pdraarousa@gmail.com.