O xabarín ‘deseucaliptizador’ de Paramá: "Arrincou todos os eucaliptos”

(Imaxe: captura TVG)

A acción do porco bravo remata cunha plantación desta especie nunha parroquia estradense.

En hortas, leiras de millo, en explotacións... a acción do xabarín causa danos a produtores. Non é unha novidade, é algo que veñen denunciando de lonxe as organizacións agrarias. A finais de maio, a Fruga criticaba a demora no pagamento das axudas anunciadas pola Xunta da Galiza destinadas ás explotacións agro-gandeiras que sufriron danos de xabaríns. A Consellaría de Medio Ambiente aínda non pagara naquela altura os danos do ano 2020

Mais agora semella que as plantacións de eucaliptos tamén poden verse afectadas pola súa acción. Así o recolle a TVG, que informa como no lugar de Paramá, na parroquia de Santo André de Vea ( A Estrada), o proco bravo estragou un terreo onde se plantaran eucaliptos.

José Manuel Baño, presidente da asociación veciñal de Paramá, di á televisión pública galega: "O xabaril arrincou todos os eucaliptos. Tivemos que volver plantar todo. Este é un problema que levamos anos vivíndoo. Tivemos que pechar, valar todo con cinta de sinalización, porque este é un problema moi gravísimo”.

“Temos que estar replantando cada certo tempo se baixan, como estamos vendo, que baixan case todos os días e non podemos estar vivindo así", indica

Di este veciño da parroquia do Santo André de Vea que outros anos comprobaron a eficacia das batidas na prevención de danos do xabaril.