O xabaril causa unhas perdas anuais de 18 millóns no agro

Agricultores e gandeiros avisan dun incremento da poboación de xabarín nos últimos anos. (Foto: Nós Diario).
A Asociación de Prexudicados pola Fauna Salvaxe en Galicia (Aperfasa) rexistrou onte unha carta dirixida ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para que "tome medidas" sobre a poboación de xabaril que "causa perdas de entre 17 e 18 millóns de euros ao ano nas explotacións gandeiras e agrícolas" da Galiza.
 

"Algo se está facendo mal", asegurou onte o presidente de Aperfasa, José Antonio Muíño, ás portas do Rexistro Xeral da Xunta, en Santiago de Compostela, onde a asociación de persoas prexudicadas polos animais salvaxes da Galiza rexistrou unha carta dirixa ao presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, para que "busque alternativas" ao aumento da poboación de xabaril en todo o territorio e aos danos que está a provocar no agro, nas estradas e agora, tamén, nas contornas urbanas.

Incremento da poboación

Na última década as familias de xabarís non deixaron de aumentar, concretou Muíño, o que significa que as medidas adoptadas pola Xunta nestes anos non lograron o efecto desexado.

Malia "declarar a emerxencia cinexética dúas veces nos últimos anos en diferentes concellos", os ataques e os danos ocasionados por esta especie continuaron. "Non vemos que os tecores aproveitasen para corrixir o suficiente a problemática", afirmou o voceiro de Aperfasa, quen censura que a Administración galega "delegue" toda a competencia e control do xabaril nos tecores.

En agosto de 2021 o Goberno galego a "emerxencia cinexética temporal" por mor dos prexuízos e dos riscos causados pola proliferación do xabaril en 198 concellos, con caza "sen límite" de exemplares.

Porén, a situación é "cada día peor para agricultores e gandeiros", describiu José Manuel Muíño, que fixo extensiva ao resto da sociedade debido ao impacto desta especie "en accidentes de tráfico, transmisión de enfermidades –como a peste porcina africana– ou intrusións en cidades".

Accidentes de tráfico

O ano 2022 fechou cos peores datos de sinistralidade na estrada por colisión con animais, cun incremento de 92% no conxunto do Estado. Segundo o VI Informe do Centro de Estudos e Opinión Ponlle Freo-AXA de Seguridade Viaria, os accidentes duplicáronse en cinco anos e na súa maioría foron provocados polo xabaril.

De feito, sitúase como o animal máis perigoso, ao provocar 45% dos sinistros, seguido do corzo (23%) e o can (15%). A Galiza é por detrás de Castela e León o territorio con maior concentración de accidentes con animais (17,4%), nomeadamente xabarís e no mes de decembro.

Gaiolas

Desde Aperfasa achegan alternativas e insisten na colocación de gaiolas masivas nas zonas onde máis problemas se dean. "Pode ser unha iniciativa viábel", propuxo Muíño. O dispositivo, probado este verán no barrio de Canido, Ferrol, co permiso da Xunta, non gusta aos colectivos animalistas, ao non se tratar dun instrumento selectivo que pode afectar a outras especies protexidas.

As axudas concedidas polo Goberno galego son insuficientes

Son "dispositivos custosos", dixo Muíños, pero aínda o son máis as perdas anuais ocasionadas no agro, "de 17 ou 18 millóns de euros". "Chegará un momento no que será inviábel seguir coas explotacións", xa que as axudas concedidas polo Goberno galego "son insuficientes".

Os incentivos abeiraban "os 2.500 euros por explotación e ano", explicou, mais "con iso non se cobren os danos" xa que esa cantidade apenas cobre os gastos estimados por hectárea.