Woody Allen opina sobre o bico forzado de Rubiales a Hermoso: "Non a violou, foi só un bico. Que hai de malo niso?"

O cineasta Woody Allen (Foto: Gian Mattia D'alberto / Lapresse V / Dpa).
"En calquera caso, é difícil entender que unha persoa poida perder o seu traballo e ser penalizada dese modo por dar un bico a alguén", manifestou o cineasta.

O cineasta estadounidense, Woody Allen está en Venecia, nun festival de cinema. Alí, durante unha entrevista co diario El Mundo, o cineasta deu a súa opinión acerca do caso Rubiales.  

Unha opinión polémica xa que asegurou que, a pesar de non saber moito sobre o tema, “non a bicou nunha rúa escura”.

“Non a violou, foi só un bico e ela era a súa amiga, que hai de malo niso”, espetou Allen cunhas palabras que incendiaron as redes sociais.

Mais non ficou aí, o director de cine proseguiu ao asegurar que “en calquera caso, é difícil entender que unha persoa poida perder o seu traballo e ser penalizada dese modo por dar un bico a alguén”.

“Non é como se queimara un colexio”, finalizou o cineasta.

Acusacións

Non é a primeira vez que Woody Allen protagoniza controversias e que é o albo de duras acusacións.

Hai anos o cineasta foi acusado de pederastia e de abusos sexuais, acusacións estas que negou e segue a negar na actualidade.