Volver ao 100% da presencialidade suporía "empobrecer a capacidade" da Atención Primaria, defende Sanidade

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, xunto a José Flores, xerente do Sergas, e Carmen Durán, directora xeral de Saúde Pública, nunha fotografía de arquivo [Imaxe: Xunta da Galiza].

O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Manuel Flores, asegurou que o regreso "sen máis" da presencialidade "ao cento por cento" na atención primaria suporía "empobrecer a capacidade" do primeiro escalafón do sistema sanitario galego "e desandar o camiño" emprendido para "fortalecer" este nivel asistencial.

Flores afirmouno en resposta a unha pregunta formulada polo parlamentario do PSdeG Julio Torrado na tarde da quinta feira durante a Comisión 5ª de Sanidade da Cámara galega, na que o deputado censurou que o Sergas "traslade a culpa aos profesionais" do non regreso ao sistema de presencialidade na atención primaria tras o modelo de teleasistencia implantado durante a pandemia.

"A cidadanía demanda cambios e vostedes transmiten que é culpa dos profesionais", continuou Torrado, que usou un comparación futbolística para ilustrar o que, ao seu xuízo, realiza a Xunta cos traballadores da sanidade, equiparándoa á non convocatoria do xogador do Celta de Vigo Iago Aspas coa Selección Española que dirixe Luís Enrique.

"Adoitan falar ben dos profesionais e dicir que son excelentes, porque o son. É un pouco o que fai Luís Enrique con Iago Aspas. Falan moi ben do talento, pero á hora da verdade métenlles unha labazada. E iso non é decente", sentenciou Torrado.

"Son os médicos quen deciden que pacientes van aos centros de saúde", sinalou Flores

O deputado do PSdeG instou o Sergas a retirar o acordo de xestión que "impide" que os médicos de atención poidan volver á total presencialidade nas súas citas cos pacientes. Na súa resposta, Flores dixo que volver "sen máis" ao sistema de presencialidade absoluta nos centros de saúde "sería empobrecer a capacidade da atención primaria" e "desandar o camiño" para "fortalecer" este sistema a través do modelo "mixto" que pretende implantar a Xunta.

Neste sentido, o responsábel do Sergas defendeu que o acordo de xestión, que, como lembrou, se usa desde os anos 1990 para fixar obxectivos, estabelece unha porcentaxe maior de consultas presenciais para 2021 respecto ao pasado.

"Pensamos que hai motivos suficientes para aumentar a presencialidade, pero sempre con seguridade", engadiu, antes de incidir en que existe "disparidade" entre centros de saúde respecto ao número de citas presenciais.

Como exemplo disto, afirmou que hai profesionais que alcanzaron o 97% de atencións presenciais, debido a que "son eles os que deciden" que pacientes "van ao centro de saúde" para recibir a consulta.