Volve 'Máis' para gozar do mellor do verán

O caderno 'Máis' recomenda paraxes para gozar do verán e achega reportaxes, relatos, entrevistas e unha completa axenda de eventos e festivais.
O sol de xullo aviva as ganas de lecer, folgar e troular. E para gozar ao máximo do bo tempo, Nós Diario publica Máis, o caderno de verán para sacar o mellor partido a esta época do ano. Coñece as mellores praias da Galiza, roteiros inesquecíbeis, a axenda dos festivais e as lecturas imprescindíbeis deste verán con Nós Diario

A partir do 1 de xullo e até o 31 de agosto Nós Diario achega o caderno Máis, oito páxinas ao día, de terza a sexta feira, para non perder o máis importante da oferta cultural na Galiza, descubrir as mellores praias e roteiros para gozar ao máximo e saber cales son as lecturas, filmes ou cancións imprescindíbeis deste verán.

As sinaturas dos escritores Suso de Toro e Arancha Nogueira, da poeta María Lado e da actriz Isabel Risco acompañarán as lectoras e lectores ao longo da semana. Nas sextas feiras será a quenda da sección Un verán en Galeusca, con novos relatos de María Rei, Anxos Sumai e Andrea Barreira, desde a Galiza; así como relatos de autoras e autores de Euskadi, Catalunya e Irlanda, a través dunha colaboración de Nós Diario cos medios VilaWeb, Berria e Belfastmedia.

Praia, natureza e bo apetito

Area Maior, en Muros, é a primeira praia de moitas que este caderno convidará a coñecer. E para quen prefira practicar exercicio na natureza, cada día achegarase unha proposta de roteiro, con toda a información sobre a súa dificultade, duración, riqueza patrimonial, artística e biodiversidade que nel se pode observar. A primeira proposta de andaina é pola Ferveza de Vieiros, no Courel. 

E como non hai gozar sen rillar, Noemí García, 'Media Laranxa', achegará cada día unha receita para deleitar o padal con doces e salgados de doada preparación.

Música, cinema e libros

Nas páxinas centrais do caderno atoparanse completas reportaxes sobre os mellores eventos do verán. O primeiro número ofrecerá unha panorámica do Morrasound, o festival que inundará de música a península do Morrazo nesta fin de semana. 

No espazo de recomendacións cada día debullarase un libro, filme ou evento que sorprenderá pola súa calidade e contido. Ademais, na sección O verán de... persoas representativas do mundo cultural, artístico e social do país desvelarán os seus máis gardados segredos, recomendando un lugar, praia, parque, restaurante, cantina... que marcaron o seu verán e que lle aconsellan con paixón á lectora e lector para que o visite. 

De terza a sexta feira, Máis, máis verán con Nós Diario

Cada sábado 'Vive o Tempo con Nós'

Todos os sábados de xullo e agosto Nós Diario achegará ás lectoras e lectores o caderno Vive o Tempo con Nós, un suplemento de oito páxinas cheas de pasatempos elaborados por Xoán Costa e Xerardo Roca.

Eis a mellor forma de darlle á cabeza, ampliar a riqueza léxica e gañar en dominio de vocabulario dunha maneira entretida, xogando coas letras e a lingua galega.