E para vivir... Vigo

Ambiente de Nadal, hai uns días, en Vigo. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)

Hai uns meses a cidade olívica situouse como a máis valorada con respecto á calidade de vida polas veciñas e veciños que participaron nunha enquisa da Organización de Consumidores e Usuarios (OCU). Hoxe, habería que volver facer un estudo atendendo ás queixas polo gasto e o retorno da ornamentación de Nadal, a crise industrial, a xestión do transporte urbano ou a visión da administración sobre os equipamentos educativos.

A xestión municipal non está exenta de queixas, ao igual que sucede co gasto na ornamentación de Nadal -que, segundo revelan algunhas contas da hostalaría nas redes sociais, resta moita clientela aos barrios periféricos-, pero semella que Vigo é unha das cidades favoritas para vivir de todo o Estado español.

Esta consideración non forma parte dun lema municipal, aínda que podería como no seu momento foi lema publicitario da administración “E para comer... Lugo”, senón resultado dunha enquisa realizada pola Organización de Consumidores e Usuarios (OCU).

As e os cidadáns dos municipios foron os elixidos para opinar sobre a calidade de vida dos seus concellos atendendo a unha serie de parámetros marcados con anterioridade por persoas expertas.

Así, malia que a impresión xeral é que a pandemia empeorou a calidade coa que se vive, as e os veciños da cidade olívica que participaron na enquisa deron puntuacións positivas á mobilidade, aos servizos educativos, á sanidade, ao coste da vida e ás ofertas de emprego.

Foi unha proba feita hai moitos meses e habería que analizar a opinión actual, pois existen conflitos coa concesionaria do transporte urbano, houbo críticas ao Goberno local pola xestión de equipamentos educativos...

Mais no seu momento Vigo impúxose a outras cidades como Zaragoza, Madrid, Barcelona, Córdoba ou Bilbao con 70 puntos.

“A cidade galega destaca polas súas boas valoracións en seguridade, limpeza, educación ou medio ambiente e contaminación”, remarcaban fontes da OCU cando se promocionou este estudo hai uns meses.

Víase tamén como un lugar para que as familias con crianzas fixaran a súa residencia, se era posíbel porque tamén se detectaron “algúns puntos febles, como o mercado laboral e o inmobiliario”. Á vista está a crise industrial, que empeorou nos últimos meses.