O naval vigués propón crear un 'holding' con participación pública

Varios centos de persoas apoiaron unha mobilización a través da que demandaron ás Administracións unha intervención decidida en defensa do sector e do futuro laboral da comarca.
Manifestación polo futuro do naval vigués, esta terza feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Manifestación polo futuro do naval vigués, esta terza feira. (Foto: Nós Diario)

Varios centos de persoas secundaron en Vigo a convocatoria de mobilización feita pola unión comarcal de Vigo e a federación de Industria da CIG en defensa do naval e polo futuro da comarca. A marcha, que partiu desde A Dobrada e rematou ás portas da delegación da Xunta na cidade, serviu para denunciar a situación pola que atravesa este sector, fundamental para a economía da comarca e do que dependen milleiros de empregos.

Como lembran desde a organización sindical, os estaleiros de Vigo "son verdadeiros polígonos industriais que xeran postos de traballo e riqueza", mais desde hai anos esta industria atravesa unha profunda crise que fixo que se perderan 5.900 empregos, aos que hai que sumar os postos de traballo indirectos, que ascenden a máis de 17.000.

Na actualidade esta crise ameaza con facer desaparecer o sector, coa "agonía" de Vulcano, coa Autoridade Portuaria de Vigo dándolle "a estocada final". ao que se engade a escasa actividade de Metalships e o abandono de Barreras, tanto pola Administración estatal como pola Xunta, "relegando Galiza como líder na construción naval do Estado español”.

Por iso na CIG consideran que as Administracións teñen que intervir para manter este sector chave para a comarca de Vigo e para o conxunto da economía do país. "Hai que pór en marcha a Mesa do Naval da ría de Vigo para abordar as solucións reais que aseguren a continuidade da actividade e do emprego no sector", afirman.

Neste senso, apostan por crear un 'holding' entre os distintos estaleiros, empresas auxiliares e compañías transformadoras do metal na ría de Vigo, con participación pública e privada, e por diversificar a oferta para aumentar a carga de traballo.

Tamén avogan por manter Barreras como estaleiro punteiro pola vía da súa volta ao sector público e recuperar a actividade nas instalacións da antiga Vulcano, mantendo a concesión actual do Porto de Vigo para a construción e reparación naval.

Manifestación da CUT

Case á mesma hora e tamén en Vigo, o sindicato CUT tiña convocada media hora máis tarde do inicio da mobilización do naval, ás 19.30 horas, unha manifestación na confluencia das rúas Vía Norte e Urzáiz para exixir a derrogación da reforma laboral que finalmente foi aprazada á vindeira terza feira, 30 de novembro.

A marcha sairá á mesma hora da convocatoria anterior da praza dos Cabalos baixo o lema "Non máis farsas coa reforma laboral. Derrogación si ou si".

Comentarios