A vivenda é o factor principal da exclusión social na Galiza, que sofren 342.000 persoas
Na Galiza hai 342.000 persoas que sofren algún proceso de exclusión social. Entre 2018 e 2024 a exclusión no país reduciuse de 16,8% a 12,7% da poboación, mais este descenso é unha porcentaxe que leva a engano, como indicaron esta duarta feira os responsábeis do IX Informe sobre exclusión e desenvolvemento social na Galiza, presentado en Compostela pola Fundación Foessa (Fomento de estudos Sociais e de socioloxía aplicada) xunto a Cáritas. "Estamos ante unha sociedade menos excluída en termos estritos, mais moito máis fráxil”, sinalou Thomas Ubrich, coordinador do traballo, quen advertiu de que “cando case a metade da poboación vive en equilibrio inestábel, calquera crise pode empurrala rapidamente cara á exclusión severa”.
De feito, a porcentaxe de poboación galega en exclusión social ou en risco de caer nela é de 56%. A integración plena [ningún risco de exclusión] redúcese en 8,6 puntos porcentuais entre 2018 e 2024, sendo agora 43,5% da poboación; mentres que a integración precaria [aquela na que non se cumpren os criterios de pobreza material mais estase en risco de entrar en exclusión] aumenta e xa atinxe 43,8% dos galegos e galegas. É dicir, cada vez máis persoas non están formalmente excluídas, mais viven "nunha situación de vulnerabilidade constante". A pobreza severa afecta 6 % —158.000 persoas—. Con todo, persiste unha elevada fraxilidade cotiá, xa que 27 % dos galegos e galegas non pode afrontar gastos imprevistos, ¡ 17 % non pode manter a súa vivenda a unha temperatura adecuada e 4 % non pode permitirse unha alimentación adecuada de forma regular.
O informe constata que a precariedade deixou de ser unha situación transitoria para converterse "nun trazo estrutural do modelo social" na Galiza. Afecta persoas traballadoras con emprego, fogares con ingresos axustados, persoas maiores e familias con menores, incluíndo a colectivos que até hai poucos anos considerábanse relativamente protexidos. "A exclusión xa non está nas marxes; está a desprazarse cara ao centro da sociedade”, subliñou Ubrich.
Vivenda
A vivenda emerxe como o principal eixo de desigualdade e exclusión social tamén na Galiza. 26 % dos fogares galegos presenta algún indicador de exclusión residencial. Así, máis de 78.000 fogares galegos soportan "gastos excesivos de vivenda" que os sitúan por baixo do limiar de pobreza severa após pagar aluguer ou hipoteca. Ademais, ao redor de 160.000 persoas viven en situación de vivenda insegura e perto de 170.000 en condicións "de insalubridade, amontoamento ou mala habitabilidade".
Entre 2018 e 2024 o prezo da vivenda aumentou en 21 % e o do aluguer en case 30% %, segundo este informe, c"moi por encima do crecemento dos ingresos reais" das familias. Atendendo á incidencia da exclusión, os resultados de 2024 poñen de manifesto que as problemáticas de exclusión social máis estendidas na Galiza son, con diferenza, as vinculadas á dimensión da vivenda. A bastante distancia atópanse os problemas relacionados coas dimensións da saúde (17,7%), a educación (15,5%), mentres que as dimensións do emprego e o consumo afectan a 11,5% e 9% da poboación galega, respectivamente.
Peor percepción da saúde
A exclusión social ou o risco de entrar nela "empeora claramente" a percepción da saúde, sobre todo a mental. Na Galiza este efecto é máis intenso que no conxunto do Estado, avala este estudo. 18 % da poboación galega —máis de 480.000 persoas— presenta problemas de exclusión en coidados da saúde, cinco puntos máis que en 2018. 29,8% da poboación galega valora negativamente a súa saúde física e o 18% a súa saúde mental, por riba da media estatal (20% e 11,8%).
A comparación dos distintos indicadores que conforman esta dimensión pon de relevo algunhas especificidades da situación galega. En primeiro lugar, a exclusión en saúde na Galiza relaciónase, en maior medida que noutras comunidades, coas necesidades específicas de persoas con enfermidades crónicas ou limitacións funcionais. Mentres que noutras comunidades esta dimensión vincúlase principalmente á escaseza de recursos económicos para custear medicamentos, próteses ou tratamentos prescritos, na Galiza destaca "a falta de asistencia médica para enfermidades graves ou crónicas". Concretamente, en base aa este informe, 7,3% dos fogares galegos declara que algún membro cunha enfermidade grave ou crónica non recibiu atención médica no último ano, unha cifra que duplica a media correspondente ao conxunto do Estado (3,1%). No Estado español, ademais, 2% da súa poboación en situación de exclusión social carece de cobertura sanitaria, apunta a Fundación de Fomento de estudos sociais e de sociloxía aplicada. Na Galiza esa porcentaxe dispárase até 10%, un de cada dez.
Ao tempo, O Ingreso Mínimo Vital (IMV) só chega a 51 % das persoas en pobreza severa na Galiza e máis da metade dos fogares nesta situación non recibiu información sobre esta prestación.
Unha situación na que 34% dos afectados son migrantes
O estudo elaborado por Foessa recolle que das 342.000 persoas que sofren de maneira directa exclusión social na Galiza, 229.000 teñen a "nacionalidade española". Así pois, 113.000 son persoas migrantes, o que representa 34% do total. Cáritas realizou esta cuarta en Compostela na presentación deste traballo a "oportunidade moi positiva" que implica a medida adoptada polo Goberno estatal para a regularización extraordinaria de persoas estranxeiras, que, segundo o informe, están entre os grupos aos que máis afecta a exclusión social na Galiza. "Desde Cáritas recoñecemos que este proceso de regularización extraordinaria vai representar unha oportunidade moi positiva para estas persoas e para acceder en maior medida aos seus dereitos", manifestou Thomas Udrich. Os grupos sociais máis afectados pola exclusión social son dous: persoas que residen nun fogar encabezado por alguén que busca emprego —81,9% de todas estas persoas atópanse en situación de exclusión social— e o das que pertencen a un fogar en risco de pobreza (77,2%). Cunha incidencia inferior, atópanse as persoas de nacionalidade estranxeira e todas aquelas que pertencen a un fogar encabezado por estas. Ao redor da metade destas persoas, en ambos os casos, enfrontan procesos de exclusión social na Galiza.

