Vítimas dos abusos dun salesiano durmían xuntas e coas almofadas entre as pernas para "defenderse"

Imaxe de arquivo dun xuízo na Audiencia pontevedresa. (Foto: Europa Press)

A sección cuarta da Audiencia provincial de Pontevedra acolleu a declaración de tres dos seis menores que denunciaron os abusos por parte do sacerdote Segundo C.V. Unha das testemuñas explicou que instou a revelar esta situación.

Continúa o xuízo contra o sacerdote do colexio Salesianos de Vigo, Segundo C.V., presunto autor de doce delitos de abusos sexuais a seis menores que forman parte da comunidade educativa. Nesta cuarta feira compareceron tres das vítimas, que recoñeceron que chegaron a xuntar as liteiras para durmir xuntos e todos colocaron as “almofadas entre as pernas” coa intención de “defenderse” de que o relixioso volvese tocarlles.

Na sección cuarta da Audiencia pontevedresa, aludiron ao campamento de verán de 2019 no que tiveron lugar os supostos delitos. O programa estaba dirixido polo sacerdote e organizado polo colexio María Auxiliadora dos salesianos, a través da asociación xuvenil Abertal.

As vítimas contaron que, unha vez nesa acampada, o acusado tocoulles os xenitais e introduciu a man tanto dentro dos seus pixamas como nos sacos de durmir. Un dos menores que declarou afirmou que nunha noite un dos alumnos chegou a sufrir eses abusos “até once veces”.

Tamén forneceu luz sobre o asunto unha moza, que foi a que animou aos compañeiros a facer a denuncia. “Non denunciaron antes porque tiñan medo de que non lles cresen”. Pero avisoulles: “Como non o digades vós, dicímolo nós” e esa advertencia xurdiu efecto para que as propias vítimas dos abusos falaran.

Así, xa nesta cuarta feira, os mozos recoñeceron que cando acudir a un monitor do campamento “quedou en branco, en shock” e non fixo nada, polo que recorreron a outro que lles pediu que deixaran a porta da habitación aberta “e que gritasen” se aparecía o relixioso.

Neste contexto, xuntaron todas as camas e deitáronse “coas almofadas entre as pernas”. Así o contou unha das testemuñas, con xestos ansiosos que se detectaban malia declarar tras un biombo.

A postura dos avogados

“Os menores estiveron contundentes na súa declaración e sen contradicións co que xa manifestaran anteriormente durante a instrución”, destacou o avogado da acusación particular en nome da Fundación Amigos de Galicia, Francisco Javier Lago Calvo.

“Os monitores do campamento tardaron máis de 24 horas en chamar aos pais dos mozos e poñer os feitos no seu coñecemento”, destacou Aída Blanco, letrada de tres dos menores, que sinalou: “A actuación do colexio foi totalmente neglixente".