As vítimas do Alvia ven na reapertura da investigación “unha segunda oportunidade”

Vítimas do Alvia nun protesto

As persoas afectadas polo accidente do Alvia, inmersas neste momento nunha campaña de reivindicación para que a Comisión Europea faga público o informe do accidente, reciben como “unha segunda oportunidade” o anuncio da reapertura da investigación.

A Plataforma Vítimas Alvia 04155 espera que o xuíz instrutor da causa, Andrés Lago Louro, e mais o fiscal, Antonio Roma, “tomen nota do dito dos polos seus superiores” e que “nesta segunda oportunidade fagan as dilixencias que corresponden para que se poida facer xustiza”.

Nun comunicado enviado aos medios, a plataforma salienta que a reapertura “supón unha nova oportunidade para que se saiba a verdade e para que se depuren todas as responsabilidades”. Porén, confesan non sentirse “de todo satisfeitos”, pois a Audiencia Provincial da Coruña, órgano que ordenou a reapertura da instrución, non admitiu todos os recursos”.

As vítimas subliñan que a Audiencia “considera que existen indicios de que na curva se producía un risco de accidente por erro humano de tan intensidade que, de ter sido avaliado, tería imposto a súa minoración ou eliminación”. Tamén salientan que “hai indicios de que o método aplicado por ADIF para xestionar os perigos nese punto da liña presenta carencias que provocaron que non se tivese en conta a posibilidade de descarrilamento”.

"As empresas públicas de Renfe e ADIF antepuxeron os intereses económicos e comerciais por riba da seguridade dos viaxeiros”, di a plataforma

A plataforma cre que a Audiencia “apunta claramente os responsábeis de seguridade de ADIF” e advirte de que “como xa indicou o xuíz Luis Aláez nun auto, as empresas públicas de Renfe e ADIF antepuxeron os intereses económicos e comerciais por riba da seguridade dos viaxeiros”.

As vítimas apuntan que “quizais a presión dalgúns políticos movidos por outros intereses influíron na posta en marcha da vía e do tren sen que reunisen as axeitadas condicións de seguridade”. De aí que soliciten saber “se isto ten a ver co feito de adiantar a inauguración da liña por parte do ex ministro socialista José Blanco así como a posta en servizo do tren por parte da ministra en funcións Ana Pastor”.

Á espera do informe da Comisión Europea

A plataforma de persoas afectadas desenvolve nas últimas semanas unha campaña para que a Comisión Europea dea a coñecer o informe que redactou en relación ao sinistro e que xurdiu a raíz dunha visita organizada polo BNG a Bruxelas con representantes do colectivo.

Na xuntanza as vítimas e a representante do Bloque, Ana Miranda, tiveron a oportunidade de se reuniren con responsábeis comunitarios en materia de seguridade viaria e estes comprometéronse a preparar un informe sobre a investigación do sinistro.