As vítimas do Alvia seguen pedindo xustiza nove anos despois

A manifestación das vítimas do accidente en Angrois rematou na Praza do Obradoiro (Foto: Plataforma Vítimas Alvia).

Unha manifestación este domingo en Compostela e varios actos de homenaxe que durarán todo o día lembran a traxedia. Vítimas e familiares cargan contra José Blanco e Ana Pastor, ademais de criticar a Raxoi, Sánchez e Feixoo e nomear a Rueda "persoa non grata". A Asociación Plataforma Vítimas Alvia 04155 está pendentes da realización do xuízo, previsto para este mes de outubro. 

A Asociación Plataforma Vítimas Alvia 04155 está a relaizar diferentes actos esta fin de semana en Compostela, a maioría dos cales coinciden este domingo 24 de xullo, o día en que se contabilizan nove anos do accidente.

Unha manifestación percorreu as rúas da capital galega a partir das 12 horas desde a estación de ferrocarril para rematar na Praza do Obradoiro. Nese lugar concentráronse para dar lectura a un manifesto.

Un dos membros da asociación, Juan Sierra --que perdeu un irmán no sinistro-- foi o encargado de ler o manifesto da concentración.

"Unha xustiza lenta non é xustiza. O ano que vén teremos unha sentencia pero non sabemos se é Xustiza. Algunhas vítimas e familiares faleceron ao longo destes anos, para eles nunca haberá xustiza", lamentan.

En relación ao descarrilamento 'político', lembran que en 2016 a Unión Europea concluíu no seu informe que o Goberno español "non cumpriu coa obriga de investigar pola falta de independencia e por non analizar as causas que precisamente afectan a Fomento, Renfe e Adif".

A isto súmase, inciden, a confirmación por parte de Bruxelas a semana pasada de que segue aberto o procedemento de infracción ao Estado español por incumprir a normativa de seguridade e "deficiencias nas análises de riscos e investigacións".

Afectadas e afectados polo accidente sinalan directamente aos ex-ministros de Fomento, o socialista José Blanco, e a popular Ana Pastor. A Blanco acúsano de publicitar que "a nova liña de alta velocidade contaba cos sistemas de seguridade que evitasen a traxedia".

Críticas para Raxoi, Sánchez e Feixoo

Nesta liña, afean a conduta pública de "tratar por todos os medios de botar a culpa ao último elo da cadea, o maquinista", e para iso continúan "contaminando á opinión pública".

Por último, critican tamén a actitude de presidentes de Goberno e Xunta cara ás vítimas, asegurando que a pesar de solicitar en reiteradas ocasións unha reunión con Mariano Raxoi , Pedro Sánchez e Núñez Feixoo, sen recibir ningunha resposta.

Actos pola tarde

Xa pola tarde, os actos de lembranza trasladaranse á parroquia compostelá de Angrois. Ás 19 horas volverán concentrarse na ponte de Angrois e ás 19,30 horas, no campo da festa da aldea, dará comezo o tradicional acto de homenaxe ás vítimas do accidente que finalizará cunha ofrenda floral de rosas brancas.

Por último, o luns 25 de xullo as familias afectadas reuniranse ás 12 horas no Xardín do Recordo no Pazo Faramello.

Para as vítimas Rueda é persoa ‘non grata’

Este sábado, minutos antes de entrar nunha reunión co alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, as vítimas da traxedia cargaban contra as Administracións estatal e galega.

"Exiximos que se nos pida perdón porque nos trataron dunha maneira dantesca desde o principio", sinalaba o portavoz da asociación, Arturo Domínguez, que lembrou que o ex-presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, recibiunos con antidisturbios na entrega de Medallas da Galiza do primeiro aniversario do accidente.

"Nunca veu mirarnos aos ollos, como dixo que quería facer coas vítimas", engadía Esperanza Fernández, tamén membro da asociación.

O actual presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, tamén foi branco das súas críticas. "Para nós é unha persoa 'non grata' desde o principio. Non esperamos absolutamente nada del", aseverou Domínguez.

A leste respecto Esperanza Fernández afeou ao xefe do Executivo galego que os recibise en 2017 -aínda en calidade de vicepresidente- no Parlamento galego "dando a man e dous bicos" e logo o PP vetase no Pleno, por terceira vez, a apertura dunha comisión de investigación; "unha puñalada por detrás", en palabras de Fernández.

Xuízo no mes de outubro

O contexto no que se enmarcará este aniversario é diferente ao de anos anteriores para vítimas e familiares, debido a que será en outubro de 2022 cando finalmente comece o xuízo polo accidente de Angrois.

O xulgado do penal número 2 de Santiago ratificaba a principios de xuño as datas do proceso. Comezará o 5 de outubro de 2022 e realizarase durante case nove meses até xuño de 2023.

O lugar elixido para a celebración é a Cidade da Cultura xa que, tal e como explicou a Xunta da Galiza no seu momento, trátase dun espazo suficientemente amplo como para acoller non só aos implicados no proceso, senón tamén aos numerosos medios de comunicación que se espera cubran o proceso.

Apoio do BNG

O BNG volveu amosar o seu apoio ás vítimas, acompañándoas na marcha  deste domingo en Compostela. En declaracións aos medios, a portavoz do Bloque en Europa, Ana Miranda, e o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, subliñaron a necesidade de que se leve a cabo unha investigación independente “tal e como demanda a Comisión Europea no procedemento de infracción aberto contra o Estado español en xaneiro de 2019 por incumprimento da normativa europea”.