Para as vítimas do Alvia a inauguración do AVE foi "inaceptábel" e "ostentosa"

Protesta na inauguración do AVE (Europa Press)

As vítimas do accidente do Alvia entregan unha carta a Pedro Sánchez en presenza do Rei, e critican a maneira de inaugurar a nova liña de ferrocarril (como se non pasara nada”.

Oito anos despois do accidente do tren Alvia ocorrido en xullo de 2013 na liña de alta velocidade entre Ourense e Santiago, as vítimas seguen a pedir xustiza e estiveron na inauguración do AVE.

Afirman que é “inaceptábel" inaugurar "de forma ostentosa" a chegada do AVE á Galiza "coma se non pasara nada", após a morte de 80 persoas na curva da Grandeira, en Angrois (Compostela).

"É inaceptábel que após oito anos sen a investigación técnica independente que reclama a Unión Europea para aclarar o que alí ocorreu e que non volva suceder vaian inaugurar de forma ostentosa a LAV Madrid-Galiza coma se alí non pasase nada", sinalan nunha carta que entregaron ao presidente do Goberno español, Pedro Sánchez.

A misiva entregouna en man a Sánchez e en presenza do Rei Felipe VI un dos integrantes da plataforma de afectados, Arturo Domínguez, na plataforma da estación madriñeña onde a comitiva tomou o tren con destino a Ourense.

Con ela, as e os familiares das persoas falecidas e feridas no sinistro aquel día denuncian a "absoluta falta de sensibilidade e desmemoria impropias dun país serio".

Advirten que "debería causar rubor ás nosas institucións e gobernantes". Ademais, lembran que levan máis de oito anos reclamando a verdade e que se depuren todo tipo de responsabilidades, “tal e como corresponde a unha democracia avanzada" e inciden en que "para iso é imprescindíbel que se realice unha investigación técnica independente" sobre o sucedido, que aínda está por xulgar.

Xuízo para 2022

O xuízo, que terá lugar no primeiro trimestre de 2022, contará cos dous presuntos responsábeis de 80 homicidios por imprudencia profesional grave: o maquinista e o que fora xefe de seguridade de Adif.

Porén, a única investigación oficial realizada polo Estado español, a da comisión de investigación de accidentes ferroviarios (CIAF), culpa só ao maquinista. Por este motivo, as vítimas reclamaron diante da ministra de Transportes o cesamento do presidente do organismo.