martes 07/12/21

O BNG pide que Ábalos explique no Congreso o "atraso" do plan de seguridade ferroviaria que esixiu a UE

O BNG rexistrará no Congreso dos Deputados unha petición de comparecencia do ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luís Ábalos, para que explique os "sucesivos atrasos" na elaboración do plan de seguridade ferroviaria que lle esixiu a Comisión Europea a raíz, precisamente, dunha denuncia do Bloque e das queixas das vítimas do accidente do tren Alvia ocorrido na curva de Angrois, en Santiago de Compostela, o 24 de xullo de 2013.

Ana Miranda e Néstor Rego, en rolda de prensa.
Ana Miranda e Néstor Rego, en rolda de prensa.

Nunha comparecencia xunto á portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, avanzou a serie de iniciativas que levará á Cámara Baixa para "garantir" a depuración de "responsabilidades" do "máis grave accidente ferroviario" ocorrido na Galiza, cuxo xuízo está previsto para principios de 2022.

Así, á parte de solicitar a comparecencia de Ábalos en comisión, Rego rexistrou unha serie de preguntas para pedir ao seu Ministerio "información detallada" sobre "cales foron as causas dos sucesivos atrasos" e "cal foi o contido das reunións" mantidas con Bruxelas para articular este plan de seguridade que parte dun procedemento infractor aberto contra o Estado español xa en 2019.

Rego lembrou que "hai máis dun ano" o ministro, ante unha interpelación do BNG, confirmou que a súa "intención" era "constituír unha comisión independente" de accidentes "de mobilidade en xeral", non soamente de tren. "E parécenos ben, pero o problema é que nin se puxo en marcha unha, nin se puxo en marcha a outra", agregou Rego.

Por tanto, o deputado constatou que o que fai o Goberno español é "dilatar o proceso" para tentar que o proceso xudicial "resolva todo" cando xa "está terribelmente viciado" tendo en conta que o Ministerio orientou toda a súa acción "a que toda a responsabilidade" por este accidente que deixou 80 mortos e 144 feridos "fose asumida polo maquinista".

Neste sentido, tamén lamentou que haxa "coincidencia de intereses" entre o PP e o PSOE para "tapar responsabilidades", dado que a inauguración da liña se produciu co socialista José Blanco en Fomento, mentres que durante o accidente a responsábel deste Ministerio era a popular Ana Pastor.

Unha comisión que ficou “en nada”

A portavoz do BNG en Europa lembrou que hai xa oito anos dun sinistro do que se asumiron "cero responsabilidades políticas", tal e como evidenciou unha comisión no Congreso -no Parlamento da Galiza nunca non se chegou a constituír- que finalmente "quedou en nada", criticou Miranda.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

A nacionalista tamén rexeitou as "escusas" postas polo Executivo estatal para "incumprir" a demanda da UE de articular o plan de seguridade. A última delas, tal e como informaba o pasado abril a comisaria de Transportes, Adina Valean, foi que este proceso se dilataba pola pandemia. "Pero que terá que ver?", preguntouse Miranda, na rolda de prensa da sexta feira.

Así, avanzou que manterá proximamente unha reunión co actual director xeral de Transportes da Comisión, Henrik Hololei, para que detalle "os datos técnicos dos incumprimentos do Estado español". Así mesmo, a portavoz do BNG en Europa adiantou a súa intención de acudir a Bruxelas xunto coa plataforma de vítimas do accidente do Alvia para ter un novo encontro coa comisaria de Transportes, Adina Valean, a partir de outubro.

"É inadmisíbel que o cambio de comisaria de Transportes en novembro de 2019 supoña novos atrasos no papel que debe ter a Comisión Europea a respecto do cumprimento dos procedementos de infracción", agregou Miranda, en contraposición á "boa disposición" da súa antecesora no cargo, Violeta Bulc.

O BNG pide que Ábalos explique no Congreso o "atraso" do plan de seguridade ferroviaria...
comentarios