As vítimas do Alvia cargan contra Feijóo por impedir a comisión de investigación

Representantes da plataforma nunha concentración.

“Se for un verdadeiro demócrata, debería esquecer o Poder Xudicial e impulsar xa unha comisión de investigación onde se depuren as posíbeis responsabilidades políticas”. Con estas palabras veñen de dirixirse ás vítimas do accidente ferroviario de Angrois a Alberto Núñez Feijóo a través dunha carta.

Após a cuarta feira, o PP rexeitara no Parlamento galego a creación dunha comisión de investigación para esclarecer os feitos que rodean o sinistro de Angrois, a Plataforma Vítimas Alvia 04155 dirixiuse ao presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, para lle afear o posicionamento.

“Se for un verdadeiro demócrata, debería esquecer o Poder Xudicial e impulsar xa unha comisión de investigación onde se depuren as posíbeis responsabilidades políticas”, sinalan as vítimas na misiva, que foi tamén remitida aos medios de comunicación.

Tras deixar a porta aberta o PP a apoiar unha investigación parlamentar unha vez haxa sentenza xudicial sobre o caso, as vítimas recoñeceron estar “perplexas” polas palabras do presidente da Xunta. “Por se non o ten claro”, salientan, o PSOE “rebaixou a seguridade do proxecto orixinal e enganou os cidadáns dicindo que a liña de alta velocidade a Santiago contaba co sistema de seguridade ERTMS”. Un sistema, defenden, que tería evitado as 80 mortes e as máis dun cento de feridas e feridos.

“Fixeron unha investigación técnica sobre a que Europa sentenciou que nin era independente nin analizaba as causas principais do accidente”

Desde que o PP comezou a gobernar, con Mariano Rajoy á cabeza, “non só non fixo nada para solucionalo, senón que se produciu a desconexión do sistema de seguridade do tren e negouse que for unha accidente da alta velocidade, antepondo outros intereses á verdade”. A plataforma lembra na carta que “fixeron unha investigación técnica sobre a que Europa sentenciou que nin era independente nin analizaba as causas principais do accidente”.

Responsabilidades políticas

En relación ás declaracións en que Feijóo deixou a porta aberta a investigar politicamente os feitos unha vez haxa sentenza xudicial, as vítimas aluden á separación de poderes e advírtenlle de que “enganar a cidadanía dicindo que conta con todos os sistemas de seguridade ou presentar unha investigación independente cando non é certo e a realiza persoal de Renfe nada ten a ver co penal, pero si co político”.

"Hai xente boa e honesta que nos apoia, e xente que o único que defende son os seus intereses, onde se sitúa vostede, señor Feijóo?"

E, sobre a manipulación, das vítimas á que se ten referido o presidente da Xunta, a plataforma sinala que ninguén as manipula nin utiliza a súa dor, posto que elas non o permiten. “O que si é verdade é que hai xente boa e honesta que nos apoia, e xente que o único que defende son os seus intereses, onde se sitúa vostede, señor Feijóo?”.

A plataforma reitera as súas reivindicacións na misiva, a comezar por “saber a verdade e que paguen politicamente os posíbeis culpábeis”. “Non queremos que vostede nin ninguén vele por nós agora se non o fixeron antes para evitar o accidente”.