As vítimas da Covid-19 chegan a 2.670 na Galiza

Unha ambulancia diante dunha residencia de maiores, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
En plena alerta pola chegada dunha nova variante do coronavirus a Galiza, as autoridades sanitarias informaron de tres novos facelementos polas complicacións derivadas do virus durante a fin de semana. Por outra parte, vén de detectarse un surto nunha residencia de maiores do Carballiño após contaxiarse unha traballadora que non fora vacinada.

A pandemia da Covid-19 xa causou 2.670 pasamentos na Galiza, os últimos tres durante esta fin de semana segundo informaron as autoridades sanitarias.

En concreto, entre a sexta feira e este domingo finaron dous homes e unha muller, todos eles con patoloxías previas que complicaban a súa evolución positiva unha vez contaxiados da infección.

Así, desde a Consellaría de Sanidade aclararon que unha das vítimas do virus foi un home de 72 anos que era atendido no Hospital de Verín. Ademais, o sábado notificouse un novo óbito dun varón de 77 anos que era paciente do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi).

Xa este domingo sabíase que perdera a vida pola Covid-19 outra persoas: unha muller de 92 anos que era atendida no centro hospitalario de Burela.

Coa mellora da situación da pandemia, cuxa tendencia cambiou nas últimas semanas, e co avance da vacinación, o número de falecementos notificados a diario na Galiza descendeu. Porén continúan dándose mortes.

Un foco nunha residencia

Así mesmo, nestes últimos días aumentan os contaxios en distintas vilas e en distintos contextos sociais.

Na segunda feira, a Xunta confirmou un incremento dos positivos no Carballiño (até 65), pois detectouse un foco de cinco infectadas na residencia Hermanos Prieto.

Segundo a consellaría, os casos detectáronse nun cribado no que se soubo que unha das empregadas afectadas polo coronavirus negárase a recibir a vacina. Polo de agora o gromo restrínxese a tres residentes -que permanecen illados- e dúas operarias.