O Hospital Gregorio Marañón de Madrid anunciou o primeiro caso de variante de ómicron no Estado español. Nunha mensaxe publicada en Twitter, o laboratorio de microbioloxía e enfermidades infecciosas do hospital asegurou que se trata dun viaxeiro que chegou nun voo desde Sudáfrica e que "se sente ben".
Trátase dun home de 51 anos que regresou de Sudáfrica o pasado 28 de novembro cunha escala en Ámsterdam. A Dirección Xeral de Saúde Pública mantén a vixilancia epidemiolóxica dos contactos estreitos do voo que aterrou en Madrid procedente da capital holandesa.
O positivo foi detectado mediante un cribado con test de antíxenos no aeroporto de Barajas. O paciente atópase con síntomas leves e en illamento gardando corentena.
As mutacións detectadas no virus a pasada semana en Sudáfrica e Botswana tiveron confirmación até o de agora en media ducia de estados europeos (Bélxica, Alemaña, Chequia, Reino Unodo...) polo que os centros hospitalarios no Estado español xa estaban á buscar esta nova variante entre os novos contaxios que se ían producindo.
Noticia de última hora:
— Microbiología e Infecciosas Gregorio Marañón (@Mic_Inf_Maranon) November 29, 2021
El servicio de microbiología del Hospital Gregorio Marañón de Madrid comunica la primera confirmación de variante ómicron en España. Se trata de Un viajero procedente de Sudáfrica.
Predicións
O científico Richard Hatchett, director executivo de Coalition for Epidemic Preparedness Innovations ( CEPI), fundación que financia o desenvolvemento de vacinas, sinalou na sesión especial da Asemblea Mundial da Saúde, que a variante ómicron "cumpriu, de maneira precisa, as predicións dos científicos que advertiron de que a elevada transmisión do virus en zonas con acceso limitado á vacina aceleraría a súa evolución".
"Vacinando completamente a menos dunha cuarta parte da súa poboación, Botswana e Sudáfrica proporcionaron unha contorna fértil para tal evolución".
"O virus é un oportunista desapiadado; e a inequidad que caracterizou a resposta global agora volveu a casa", engadiu na súa intervención neste encontro que ten como obxectivo buscar estratexias para loitar mellor contra unha próxima pandemia.