A pandemia da Covid-19 xa causou 2.670 pasamentos na Galiza, os últimos tres durante esta fin de semana segundo informaron as autoridades sanitarias.
En concreto, entre a sexta feira e este domingo finaron dous homes e unha muller, todos eles con patoloxías previas que complicaban a súa evolución positiva unha vez contaxiados da infección.
Así, desde a Consellaría de Sanidade aclararon que unha das vítimas do virus foi un home de 72 anos que era atendido no Hospital de Verín. Ademais, o sábado notificouse un novo óbito dun varón de 77 anos que era paciente do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi).
Xa este domingo sabíase que perdera a vida pola Covid-19 outra persoas: unha muller de 92 anos que era atendida no centro hospitalario de Burela.
Coa mellora da situación da pandemia, cuxa tendencia cambiou nas últimas semanas, e co avance da vacinación, o número de falecementos notificados a diario na Galiza descendeu. Porén continúan dándose mortes.
Un foco nunha residencia
Así mesmo, nestes últimos días aumentan os contaxios en distintas vilas e en distintos contextos sociais.
Na segunda feira, a Xunta confirmou un incremento dos positivos no Carballiño (até 65), pois detectouse un foco de cinco infectadas na residencia Hermanos Prieto.
Segundo a consellaría, os casos detectáronse nun cribado no que se soubo que unha das empregadas afectadas polo coronavirus negárase a recibir a vacina. Polo de agora o gromo restrínxese a tres residentes -que permanecen illados- e dúas operarias.