Xuízo do Alvia

Vítimas de Angrois lembran o accidente como 'un terremoto'

Cristóbal González, portavoz da asociación de vítimas Apafas, onte á súa chegada á Cidade da Cultura (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
15 persoas declaran na primeira sesión civil do xuízo.

Cristóbal González, presidente da Asociación de Prexudicados polo Accidente do Alvia de Santiago (Apafas), compareceu onte no xuízo, na primeira sesión da fase de responsabilidade civil. González revelou que se reuniu co maquinista Francisco Garzón, un dos acusados polas 80 mortes e as 140 persoas feridas que supuxo o descarrilamento da curva de Angrois. O outro procesado no xuízo é o ex director de seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte. 

Segundo destacou Cristóbal González a pregunta do avogado de Garzón, e ante o enfado da xuíza, que subliñou que o procedemento está divido en dúas partes (a acción penal e a civil), o encontro entre esta vítima e o condutor do Alvia produciuse en Santiago e pola mediación dos letrados de ambas as partes. 

Ao final da comparecencia foi cando un dos avogados que exercen a defensa do maquinista pediu intervir para preguntar a González se se reuniu con Garzón, ao que o portavoz de Apafas respondeu que si, que tivo "a ocasión de falar con el" e que "quería coñecelo", xa que, como condutor tamén era "un viaxeiro afectado" polo sinistro. 
"Axudouno?", insistiu o representante de Francisco Garzón, a pesar das reprimendas da xuíza. "En certa medida, compráceme o arrepentimento e o sufrimento que esta persoa tiña", confesou Cristóbal González. 

"É un pesadelo"

"A xente esqueceuno. Nós seguimos recordando e sufrindo. Día a día. Non hai un día desde aquel 24 de xullo de 2013 que non lembres un pouco daquel accidente. Co mesmo terremoto de Turquía volvemos vivir o accidente. É un pesadelo". 

Así se pronunciou ao comezo da súa comparecencia o presidente da asociación Apafas e un dos prexudicados polo sinistro ferroviario do tren Alvia Cristóbal González, na primeira sesión da fase de responsabilidade civil do xuízo. 

As preguntas dos seus avogados, explicou as lesións físicas e psicolóxicas que sofre polo sucedido. "Isto non se supera con nada. Despois de catro anos con psicólogos e psiquiatras, ao final desistes, porque ves que non consegues o que quixeras", lamentou González. 

O presidente de Apafas expuxo ante a xuíza que aquel día trasladouse en tren e non en coche "pola seguridade, pola rapidez e pola comodidade" que entendía que ofrecía este medio de transporte. Tamén cualificou de "moi insignificantes ou insuficientes" as indemnizacións que percibiu da aseguradora de Renfe, QBE.

As vítimas do Alvia exixen "reparación"

Xunto con Cristóbal González, onte declararon outras 14 persoas cuxas vidas foron "truncadas" polo accidente do tren Alvia sucedido hai case 10 anos no barrio compostelán de Angrois. 

Na primeira sesión da fase de responsabilidade civil escoitatáronse frases "un pesadelo", "como se caese unha bomba nuclear" ou algo similar a "un terremoto". Con elas, vítimas e familiares trataron de describir o escenario da traxedia que viviron o 24 de xullo de 2013, ante as bágoas da maxistrada. 

A reclamación total por danos e prexuízos en materia de responsabilidade civil ascende a case 57,69 millóns de euros e as entidades contra as que se dirixe son QBE, a aseguradora de Renfe, e Allianz, a de Adif. Vítimas e familiares coincidiron nas súas declaracións na necesidade de "reparación", aínda sabendo que "non hai cartos" que paguen o que viviron.