Xuízo do Alvia

As vítimas do accidente de Angrois toman a palabra no xuízo: "Haberá sentenza? Por suposto. Xustiza? Dubídoo"

O tren Alvia accidentado en Angrois en 2013. (Foto: Europa Press)
Unha vítima e a súa filla foron as primeiras en declarar esta terza feira, no inicio da fase de responsabilidade civil, ante a xuíza, visibelmente emocionada polo testemuño: "É a primeira e xa estou a chorar".

O "dano irreparábel" que sofren as vítimas do accidente do tren Alvia e os seus familiares e a "ferida aberta" polo procedemento xudicial en curso, case dez anos despois da traxedia, protagonizan esta terza feira o arranque das súas declaracións ao comezo da fase que determinará a responsabilidade civil.

En declaracións aos medios de comunicación antes do inicio desta sesión, a primeira após o final da acción penal do xuízo, o representante da asociación de prexudicados Apafas, Cristóbal González, afirmou que afronta con "desilusión, impaciencia, nerviosismo e desmotivación" esta xornada. "Despois de nove anos, isto fai moito dano", constatou.

Por iso, pediu "que acaben cedo, que non se demore máis, porque non vos podedes imaxinar o dano que ocasiona todo isto". O proceso ante a Xustiza é, advertiu, "a única ferida que queda aberta mentres isto permaneza aínda en curso". "Haberá sentenza? Por suposto. Xustiza? Dubídoo. Este dano é irreparábel", insistiu. Respecto diso, denunciou que se tratou de "un accidente que se puido evitar e pola fatalidade de varios elementos, varios factores, viviuse unha das maiores traxedias que se poidan imaxinar".

Nai e filla

As dúas primeiras en declarar, en calidade de testemuñas, foron nai e filla, que, por videoconferencia, relataron, a primeira, o vivido ao ir no Alvia; a segunda, os instantes dramáticos até que puido ver a súa proxenitora no hospital ao que fora trasladada, con "moitísimas lesións". Ambas as dúas ratificaron, a preguntas do seu avogado, o que representa Apafas, que a muller decidira ir en tren no canto de en coche porque era "máis rápido, máis cómodo e máis seguro".

"Non hai diñeiro que pague o cambio de vida, non hai diñeiro que pague a impotencia que sentes cando ves unha persona sentada na que ti crees que é a mellor opción para que viaxe [...] Non hai diñeiro que che dea un pouco de paz", subliñou a filla, cara ao final das preguntas do letrado. Nese momento, a xuíza secou as bágoas cun pano. "É a primeira e xa estou a chorar", sinalou. O xulgado admitiu as declaracións de 522 testemuñas nesta fase do proceso e comparecerán unha media de 15 ao día.
[EN AMPLIACIÓN]