Vítimas de Angrois exixen que Ana Pastor "asuma a súa responsabilidade" por intentar ocultar o informe crítico coa investigación

Protesta das vítimas de Angrois ás portas do Congreso. (Foto: Europa Press)
A plataforma de vítimas do accidente ferroviario do Alvia concentrouse esta segunda feira ás portas do Congreso para exixir a dimisión da vicepresidenta segunda da Cámara Baixa.

A plataforma de vítimas do accidente ferroviario do Alvia concentrouse esta segunda feira ás portas do Congreso para exixir a dimisión da vicepresidenta segunda da Cámara Baixa, Ana Pastor, pola carta que enviou en 2016 á comisaria de Transportes, Violeta Bulc, advertíndoa da "especial gravidade" que tiña publicar o informe da Axencia Ferroviaria Europea crítico coa investigación oficial realizada polo Estado español sobre o accidente do tren Alvia en Angrois (Santiago).

Case dez anos despois do accidente, que tivo lugar o 24 de xullo de 2013, e ás portas do inicio do xuízo que comeza esta cuarta feira, 5 de outubro, para determinar as responsabilidades do sinistro, as vítimas da traxedia volveron á rúa para demandar as súas reivindicacións.

Así, volveron a reclamar a realización dunha investigación técnica e independente, ao entender que a única oficial, que era precisamente criticada pola Axencia Ferroviaria Europea por apuntar unicamente ao maquinista, é insuficiente.

No xuízo que comeza esta semana serán xulgados tanto o maquinista como o ex xefe de seguridade de Adif, acusados de cometer, presuntamente, 80 homicidios e 145 delitos de lesións por imprudencia profesional grave.

"A demora non é casual"

En declaracións aos xornalistas, o presidente e portavoz da plataforma de vítimas, Jesús Domínguez, asegurou que o inicio do xuízo provoca nel unha "sensación agridoce" porque a demora provocou que moitas vítimas xa non estean presentes.

"Esta demora non é casual, foron as institucións as causantes", denunciou o portavoz, que acusou directamente a ex ministra de Fomento de ser unha das "causantes" do atraso do inicio do xuízo.

Domínguez insistiu novamente na necesidade dunha investigación técnica e independente. Algo que, ao seu xuízo, quere evitar Ana Pastor.

 Nas súas declaracións tamén censurou que os peritos xudiciais foron designados pola Xunta e "ademais plaxiaron o informe” do Goberno español. "Haberá unha sentenza, pero non haberá xustiza", asegurou con rotunidade.