As vítimas de Angrois critican a demora do xuízo e piden unha investigación independente, como reclama a UE

Mobilización na praza compostelá do Obradoiro dos familiares das vítimas do sinistro do Alvia en Angrois, o pasado mes de xullo. (Foto: César Arxina / Europa Press)
"Existían claras responsabilidades por parte de Renfe, que tivo constancia por escrito dun aviso dun xefe de maquinistas sobre o perigo da curva de Angrois e, con todo, non actuou en consecuencia", din, ao tempo que apuntan aos ex titulares de Fomento José Blanco e Ana Pastor.

A plataforma de vítimas do accidente ferroviario ocorrido no barrio compostelán de Angrois en 2013, no que morreron 80 persoas e outras 144 resultaron feridas, criticou a demora na convocatoria do xuízo e reclamou que se realice a investigación técnica independente que pide a Unión Europea (UE) antes do seu inicio para que poida incorporarse ao proceso xudicial.

Así o manifestou nun comunicado remitido aos medios logo de coñecer nesta segunda feira que o xuízo comezará o 20 de setembro deste ano e durará até 2023, dividido en dúas partes —unha penal, até o 23 de decembro, e unha acción civil, a partir de xaneiro de 2023—, de forma que se prolongará durante nove meses até practicamente o décimo aniversario do sinistro.

A respecto diso, as vítimas, que aseguran estar "satisfeitas" polo feito de que vaia decorrer o xuízo, sosteñen que "unha xustiza lenta non é xustiza" e lembran que "desgraciadamente algunhas vítimas e familiares faleceron ao longo destes anos". Por iso, sinalan que, para eles, nunca haberá xustiza.

Aliás, consideran que esta demora "non é casual", senón que é responsabilidade das diferentes institucións do Estado. "Sufrimos un cambio de xuíz a pesar da nosa petición ao Consello Xeral do Poder Xudicial e a inacción total do primeiro fiscal, que tivo que ser substituído", detalla a plataforma, que critica tamén a "ocultación e demora de entrega de documentos por parte de Fomento, Renfe e Adif".

Tamén lamentan os peritos "impostos" pola Xunta "sen experiencia ferroviaria, que demoraban e plaxiaban outros informes", así como a "acumulación de atrasos e erros graves por parte do xulgado".

As vítimas, se ben mostran a súa satisfacción polo feito de que sente no banco de acusados o ex director de Seguridade de Adif Andrés Cortabitarte, cren que é "insuficiente". "Existían claras responsabilidades por parte de Renfe, que tivo constancia por escrito dun aviso dun xefe de maquinistas sobre o perigo da curva de Angrois e, con todo, non actuou en consecuencia", apuntan.

Ademais, sinalan que "o ex director de Seguridade de Adif sentará no banco porque Adif non realizou a análise de riscos á que obrigaba a normativa en dúas ocasións", como indica o auto da Audiencia. Explican que "houbo modificacións importantes do proxecto orixinal" cando era ministro de Fomento José Blanco, "cuxa repercusión na seguridade resulta obvia sen que conste que previamente se avaliou o risco que os devanditos cambios puidesen comportar para a seguridade".

Tamén indican que, nun segundo momento, con Ana Pastor á fronte, "produciuse a desconexión do sistema de seguridade ERTMS, porque este xeraba atrasos, sen previamente realizar unha avaliación do risco que tal desconexión puidese comportar para a seguridade na circulación". Por tanto, consideran que "a xustiza desmonta a verdade oficial, que con Ana Pastor á fronte de fomento quixeron impoñer: que se fixo unha investigación independente, que o maquinista era o único responsábel e que o accidente non era de Alta Velocidade".

"Seguimos sen entender como é posíbel que o Ministerio de Fomento autorizase a posta en servizo desta liña sen a preceptiva análise de riscos", lamentan. A plataforma destaca que "a pesar dos anos transcorridos" seguirá loitando para que "se faga xustiza" até depurar "todas as responsabilidades que corresponden a unha democracia avanzada: técnicas, penais e políticas".