Vítimas de Angrois censuran a designación do novo presidente da CIAF

Manifestación das vítimas do Alvia, o pasado 24 de xullo en Santiago de Compostela (Foto: César Arxina / Europa Press)
Quen presidiu a comisión de Fomento para informar sobre o sinistro de Angrois, agora encabeza a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios.

Ignacio Barrón, enxeñeiro de camiños e directivo da Unión internacional de Ferrocarrís encargado de presidir a comisión técnico-científica que impulsou o Ministerio de Fomento após o accidente do tren Alvia ocorrido en Angrois (Santiago) en xullo de 2013, vén de ser designado agora como presidente da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF).

Segundo consta na páxina web de Transportes e de acordo coa información que el mesmo publicou el mesmo no seu perfil en LinkedIn, Barrón foi nomeado o pasado día 24.

A plataforma de vítimas do sinistro ferroviario de Angrois foi das primeiras en responder a esta designación a través desta mesma plataforma social e profesional. O colectivo tirou de ironía para felicitar o novo responsábel da CIAF ao afirmar que "ninguén mellor" que Barrón para presidir este organismo adscrito a fomento.

Desacreditado

"Un organismo totalmente desacreditado polo informe de European Union Agency for Railways, que incumpriu a Directiva Europea 49/2004 e que o Supremo considera que hai indicios de que incumpriu coas esixencias de independencia, imparcialidade e obxectividade grazas ao noso recurso de casación", advirte na mesma mensaxe.

Após a traxedia do Alvia, con 80 mortos, lembra a plataforma "foi elixido por Ana Pastor para presidir a comisión científico-técnica" e "no Congreso non tivo nin unha palabra para as vítimas". O que "lle daba pena", salienta, era "a imaxe do ferrocarril". Só "após a chamada de atención dunha deputada –do BNG– lembrou ás vítimas", critica a asociación de afectados o descarrilamento.

"Após as súas declaracións, o seu nomeamento por Ana Pastor, que tratou de ocultar o informe de UE, e despois de moitos anos en Renfe, cumpre vostede os requisitos", sentencia.

O xuízo, na recta final 

O xuízo para determinar as responsabilidades penais polo sucedido na curva da Grandeira en xullo de 2013 desenvólvese desde outubro. O 20 de xuño está previsto o inicio da fase documental, de conclusións e informes. A xuíza fixou a "necesidade de asistencia de todas as partes". Fiscalía e vítimas piden catro anos de cárcere para cada un dos dous acusados, Andrés Cortabitarte e Francisco Garzón. As defensas rexeitan responsabilidades e piden a libre absolución.