Visibilizar a diversidade no II Orgullo Trans Galego

[Imaxes Arelas]

Arelas e TransForma convocaron unha xornada de mobilización e actividades para reclamar unha sociedade libre de transfobia.

Este domingo 10 de xullo a Asociación de familias de menores trans, Arelas, e TransForma organizaron o II Orgullo Trans Galego, unha xornada de mobilización e actividades para visibilizar a diversidade que transcorreu na capital da Galiza, Compostela, desde o mediodía cunha comida ao ar libre. 

Por volta das 19 horas tivo lugar unha manifestación que percorreu as rúas da cidade desde a Praza do Obradoiro até a Praza do Toural baixo o lema 'Orgullosxs de ser como somos, orgullosxs de ser diversxs'. A actuación musical de Canela cafuné e a leitura de poemas de temática trans  para alén do propio manifesto de convocatoria, remataron co lanzamento de globos con mensaxes de apoio ao colectivo. 

Lei de identidade sexual

Neste senso, as organizacións convocantes sinalan que malia os avanzos acontecidos nos últimos anos, nomeadamente no plano formal, "o certo é que a patoloxización en todos os ámbitos, o acoso no ámbito escolar, a violencia dentro e fóra dos fogares, a discriminación social e moitas outras formas de rexeitamento, seguen a estar presente a cotiá na vida das persoas Trans*". 

“Queremos dicir ben forte que os menores trans existen e reclamar o máis básico: o seu dereito a ser e a expresarse como realmente se sinten, porque case sempre as súas propias familias e a sociedade os invisibilizan”, dixo Cristina Palacios, presidenta de Arelas quen subliñou a patoloxización que se mantén sobre a transexualidade no noso país. “Aínda hai que pasar por un psicólogo e por un psiquiatra para poder acceder a calquera tratamento ou para poder modificar legalmente o teu nome”, polo que reclaman unha lei de identidade sexual que garanta todos os dereitos das persoas trans.