Quen modela o xénero na sociedade?

As redes sociais, a literatura, o cinema, a televisión e mesmo a industria do porno estabelecen os modelos de masculinidade e feminidade entre a mocidade.

 

Vanessa Rodríguez Pousada e Marta Lazcano Larkin son autoras de 'Adolescencia, violencia e involución nos modos de relación', un relatorio que fixo parte das V Xornadas Galegas de Saúde Sexual organizadas por Asociación de Saúde Emocional de Infancia e Adolescencia (ASEIA). 

No relatorio aseguran que é "na adolescencia" cando se produce "un dos cambios máis importantes do ser humano" pois, "modifícanse as imaxes que se teñen dun mesmo, estimúlanse novas condutas" e "transfórmanse as relacións" da persoa "co seu medio familiar e social". 

Nese contexto, apuntan, xorde "a pregunta sobre o sentido de ser muller ou varón". Un proceso de construción que resulta de "referentes persoais" e "culturais", principalmente dos medios de comunicación. 

Un proceso, non exento de violencia, como puxo en evidencia o suicidio de Alan, un mozo trans de Barcelona por mor da presión social que sufría, nomeadamente no instituto. 

"A construción da identidade depende de tres factores: o desexo, o espello familiar e o espello social"

"A construción da identidade depende de tres factores", aseguran desde ASEIA, "o desexo", "o espello familiar" e o "espello social". Nese senso, acrecentan, "cabe preguntarse onde poden poñer o desexo os adolescentes que non se senten nen homes nen mulleres". Suxeitos identificados como "anormalizados" para os que "a procura da identidade", din, é "un proceso máis difícil ou mesmo traumático" nunha sociedade que re-produce patróns de masculinidade e feminidade encaixados nun discurso heteronormativo e patriarcal. 

E, quen modela ese discurso?

Espellos da sociedade

Familia, amizades mais, sobre todo, na sociedade da información e da comunicación, os medios nun sentido amplo. Cinema, publicidade, televisión, redes sociais e até a industria do porno inflúen na construción dos modelos que fixan que é e como ser muller ou home, pois, constitúen en boa medida, "o espello da sociedade através da cal os adultos transmitimos mensaxes de como queremos que os menores entendan o mundo e a sociedade", apuntan Vanessa Rodríguez e Marta Lezcano. 

No informe 'Adolescencia, violencia e involución nos modos de relación', as autoras repasan como "nos últimos anos xurdiu unha corrente que tenta corrixir a discriminación" nos filmes ou a literatura infantil. Mesmo unha cadea de xoguetarías apostou pola edición dun catálogo non sexista, Toy Planet. Así mesmo, filmes como Brave fixeron protagonistas a "princesas intrépidas". 

Filmes, literatura e programas de televisión moldean patróns normativos de feminidade e masculinidade 

Porén, a realidade aínda é outra. Neste senso, "o 58% das historias, nun rango de idades dos cinco aos quince anos na literatura infantil e xuvenil", continúan a estar protagonizadas por personaxes masculinas. As mulleres ocupan tan só o 24% pois as demais refírense a protanistas partillados. 

Aliás, "hai grande presenza da muller como nai, que procura sustento e carño", "os traballos das mulleres son nun 70% centrados en labores domésticos ou traballos tipicamente femininos (10%), mestras, enfermeiras... e sempre como complemento ao traballo doméstico". 

De igual maneira, na literatura xuvenil sobresae o éxito internacional alcanzado por novelas como as asinadas por Federico Mocchia (Desculpa se te chamo amor, A tres metros sobre o ceo) ou Stephanie Meyer (Crepúsculo, Lúa nova, Amencer) nas que se "renova o tema do amor entre os lectores adolescentes, apelando ao mito de amor romántico e á idealización do mesmo)", sinalan Rodríguez e Lezcano. Un feito que se re-produce en 50 sombras de Grey embora se dirixir a un público adulto. 

"Sendo a persoa que estivese matándote, alguén a quen amases, non terías máis opción que seguir", di un dos fragmentos de Crepúsculo

"Sendo a persoa que estivese matándote, alguén a quen amases, non terías máis opción que seguir. Como poderías correr, como poderías loitar cando ao facelo magoarías o teu amado?", dise nun dos parágrafos de Crepúsculo estractados polas autoras para a elaboración do estudo nos que, para alén de se reproduciren "os valores do amor romántico" se dan "como válidas condutas de dominio, protección, acción, rivalidade", "pasividade" e "capacidade de aguante e sufrimento nos modelos femininos". 

Televisión e porno

Tamén o audiovisual mantén a mesma tendencia, afirman. Programas como 'Mujeres, hombres y viceversa', "presentan os estereotipos" através "do corpo (homes fortes e mulleres bonitas)", entre outros. Mesmo a industria pornográfica --consumida principalmente através da Internet-- constitúe un elemento importante.

ASEIA defende o desenvolvemento de obradoiros con adolescentes como un elemento "básico" para mudar estes patróns

"Diferentes estudos afirman que os adolescentes empregan Internet como principal fonte de acceso a contido sexual" o que torna o "porno" en certo senso, "como o achegamento ao sexo por parte dos adolescentes, interiorizando roles imposíbeis que dificilmente se poderán trasladar á vida real" o que xera, sinalan Rodríguez e Lezcano, "unhas espectativas que poden desembocar nunha continua sensación de fracaso por parte dos varóns e transmitindo a idea de mulleres sempre dispostas e sumisas". 

Como profesionais, desde ASEIA, coidan "básico" o desenvolvemento de "obradoiros" con adolescentes nos que "poidan traballar os diferentes contidos da esfera afectivo-sexual" como unha ferramenta de "prevención de condutas violentas" mais tamén como un espazo desde o que fornecer chaves para que sexan @s adolescentes quen analicen "os modelos que a sociedade ofrece e que poida ir construíndo o seu propio de forma autónoma".