A plataforma lanza as súas reivindicacións en vésperas do 25N

A Marcha Mundial das Mulleres, contra a «violencia xudicial»

Coa vista posta no 25N, a Marcha Mundial das Mulleres fai pública unha declaración que pon o foco sobre a «violencia xudicial», e na que chama a erradicar o patriarcado da xustiza a través da loita feminista. 

«As leis de igualdade e contra a violencia machista definen un marco legal de protección ás mulleres que non se está facendo efectivo», avisa o documento emitido pola plataforma feminista, que salienta que os avances formais acadados nos últimos anos polo feminismo organizado «resultan insuficientes», vista a súa falta de aplicación.

«Campañas e chamados a denunciar a violencia machista con promesas de protección, atención e axuda do aparato institucional ás mulleres móstranse na práctica, no mellor dos casos, baleiras de contido; no peor, a reprodución das violencias durante os procesos xudiciais remata por facer que as mulleres se cuestionen o feito mesmo da denuncia machista», advirte a declaración.

Neste contexto, a Marcha Mundial das Mulleres formula unha serie de reclamacións ás institucións, a comezar por información pública do proceso de denuncia machista e dos dereitos das mulleres. «A estar acompañadas por avogadas no momento da denuncia, á atención psicolóxica e o acompañamento, a solicitar medidas de protección, a coñecer os recursos á súa disposición», enumera.

A plataforma feminista exixe tamén formación específica de todo o persoal e axentes que atenden mulleres que sofren violencia machista en todos os niveis da administración pública, desde policiais a xudiciais, administrativos e sociais. 

A declaración demanda que se dote os Centros de Información ás Mulleres de medios suficientes para a atención e asesoramento, con persoal que acredite a formación específica en violencias machistas. Tamén, exixe que os recursos públicos postos a disposición da atención e acompañamento das mulleres que sofren violencias machistas mediante programas ou financiamento traballen de forma coordenada.

Atención para as mulleres que sofren violencias machistas

Entre as medidas que se reclaman desde a Marcha Mundial das Mulleres cóntase tamén a revisión da atención que se presta nos organismos públicos  nos que se emiten informes que afectan aos procesos de denuncia. Este é o caso do Imelga, o Instituto de Medicina Legal da Galiza, para o que se pide un incremento de persoal e unha supervisión da súa formación en violencia machista, «para evitar que se empreguen invencións como o Síndrome de Alienación Parental contra as mulleres».

En canto aos Puntos de Encontro Familiar, a organización feminista considera necesario modificar o decreto que rexe estes centros para garantir que nos se empreguen nos casos de violencia machista, «pois a finalidade deste recurso é a normalización das relacións familiares», e tamén para garantir a súa xestión pública.

O documento urxe «solucións económicas reais» para as mulleres que denuncian, tales como incrementar o salario da liberdade en contía e duración.

Por último, a plataforma chama á Xunta a instar ao Goberno estatal a crear máis xulgados específicos e a modificar a lei para estabelecer protección ás menores fronte aos agresores machistas. Tamén, empraza ao Goberno central a aplicar a lexislación internacional en materia de violencia machista e retirar as visitas coas fillas e fillos a homes denunciados por violencia desta clase, así como a retirar a patria potestade a homes nos casos máis graves até a sentenza firme.