Opinión

Violencia de xénero

Onte celebrouse o Día Mundial Contra a Violencia de Xénero, un problema que enche tanto as consultas de Atención Primaria como as de Saúde Mental. As consultas de mulleres sobre saúde física, especialmente as que xiran arredor de sintomatoloxía pouco específica, como cansazo, dores de cabeza ou musculares... non poucas veces agachan unha situación de violencia. Da mesma forma, pacientes diagnosticadas de ansiedade ou depresión poden estar a sufrir agresións de tipo físico ou psíquico que están na base dos seus síntomas. A violencia de xénero causa patoloxía, tanto física como psíquica, pero non é unha enfermidade en si mesma.

Tendemos a pensar que un individuo que exerce violencia de maneira reiterada cara a súa parella sufre algún tipo de trastorno mental, influídas como estamos polo estigma do doente psiquiátrico como persoa violenta. O certo é que, se ben poden darse casos illados nos que a violencia poida estar no contexto dunha doenza mental, a inmensa maioría dos maltratadores son homes sans mentalmente. Non padecen tampouco ningún trastorno de personalidade de tipo psicopático e no resto das súas relacións poden ser perfectamente funcionais e, por suposto, non exercen violencia. O único que teñen en común estes homes son as ideas ríxidas e estereotipadas sobre o papel que ocupan as mulleres no mundo e nas relacións afectivas en concreto, un papel subordinado e dependente. A idea da posesión e da falta de autonomía da parella dentro dunha relación é outra constante que se repite.

Á inversa, tampouco todos os homes que sosteñen este tipo de crenzas rematan por exercer violencia física extrema, pero si posiblemente cometan outro tipo de agresións máis sutís, como condutas de control, vexacións verbais ou limitacións económicas ou sociais nun espectro moi amplo que abarca dende os micromachismos máis indetectables ata condutas claramente delitivas. Moitos deles, os que non agriden fisicamente, nin sequera serán conscientes de que exercen violencia e poden xustificalo como sentimentos de preocupación, busca de seguridade ou de atención. O patriarcado está tan asentado nas nosas mentes que ás veces resulta complicado identificar o nocivas que son certas actitudes amplamente estendidas e validadas socialmente.

Comentarios