Os adolescentes, un colectivo esquecido no medio da pandemia

Unha adolescente cun ordenador, nunha imaxe de arquivo. (Foto Pedro Armestre Save the Children Europa Press)

As clínicas psicolóxicas atenden cada vez a máis mozas e mozas nesta etapa da vida que están a pasar momentos difíciles polas condicións de vida que lles impuxo o coronavirus. Tamén algúns institutos empezan a crear grupos de apoio para que expresen os seus sentimentos ante a inestabilidade e a imposibilidade de socializar nun contexto normal.

A violencia de xénero é unha das problemáticas máis graves ás que se enfrontan na actualidade as adolescentes, senón a peor, pero este colectivo tamén está a padecera crise sanitaria de maneira directa. Así o confesan en privado na sanidade pública, onde as listas de agarda de moitas psiquiatras e psicólogas se dispararon.

No entanto, dada a realidade social para toda a xente, son as consultas privadas as que teñen que xestionar a maior parte das doenzas mentais da mocidade.

A psicóloga Laura Amigo é unha desas profesionais que, xunto con outras compañeiras e compañeiros, está vendo mudar parte da axenda por membros dun colectivo que considera máis esquecido agora que sempre.

“Tanto as crianzas como as adolescentes están a implicar un aumento da demanda de atención psicolóxica, sobre todo desde despois do Nadal”, explica a experta consultada por Nós Diario.

Sen entrar a analizar cada caso en concreto -porque hai perda de traballo dos proxenitores, malo rendemento académico, falecementos de familiares por mor da Covid-19...- pódese dicir que hai unha sintomatoloxía predominante. “Os trastornos son ansioso depresivos”, indica Amigo.

Ademais, a adición ás tecnoloxías foi a máis durante o tempo de confinamento estrito polo que nunha etapa “na que son cruciais as relacións e a socialización” o contacto directo foi substituído polo que se permitía a través das pantallas. A uns adolescentes achegounos máis a ese mundo dixital e a outros a falta dese cambio nas dinámicas vitais, coas saídas coas amizades, levounos a estar deprimidos.

“Notamos unha falta de motivación”, reflexiona tamén a psicóloga, que pensa que quizais agardouse até despois das festas para acudir a consultas profesionais “porque rematou a primeira avaliación e, ao ver as nosas, quizais non acadaron os seus obxectivos”.

“A incertidume” e a “presión escolar” como se non pasara nada afecta, e moito, na adolescencia galega. Tanto é así que, segundo puido saber este medio, tamén hai centros educativos nos que docentes máis liberadas se puxeron á fronte de grupos de apoio para que as crianzas falen, compartan o que senten e desafoguen. “É importante dar voz ao que senten e validalo, dicirlles que é normal”, resume Amigo.