Pola fin do xenocidio: Vinte e oito protestas exixen pór freo ao "terror sionista"

Concentración en apoio ao pobo palestino, est asegunda feira, en Vigo. (Foto: Nós Diario)
Suman cinco meses de accións coordinadas.

A solidariedade galega co pobo palestino –asediado polo Estado de Israel desde o 7 de outubro no que se converteu xa nun xenocidio–, non cesa. Logo de case cinco meses de accións coordenadas, as rúas de perto de 30 vilas e cidades da Galiza volveron cumprir coa súa "promesa" de continuar premendo "a quen nos goberna por accións concretas que poñan fin ao terror sionista".

Convocadas máis unha vez por Galiza por Palestina, Mar de Lumes, a Asociación Galaico Árabe Jenin e BDS Galiza, multitude de persoas exixiron a "fin da matanza sistemática contra Palestina". "O que queremos é a fin do xenocidio e a garantía de que non teremos que volver ás rúas de novo para denunciar novas operacións de terror sionista", clamaron esta segunda feira as organizacións convocantes.

E é que no asedio do Estado sionista sobre o pobo palestino, o Tribunal da Haia, nun ditame histórico, recoñeceu indicios de xenocidio, mentres millóns de persoas en todo o mundo exixen un alto o fogo "inmediato" e o recoñecemento do Estado palestino.

Con todo, a chamada comunidade internacional continúa amparando, "por acción ou omisión, abertamente ou á calada", o xenocidio perpetrado por Israel, obviando as perto de 30.000 vítimas mortais, as máis de 100.000 persoas feridas, os dous millóns de palestinas e palestinos que tiveron que desprazarse á forza, a destrución de todos os medios de vida e os crimes de humanidade. 

"Non pedimos imposíbeis"

As persoas congregadas esta segunda feira nas rúas da Galiza sinalan que non piden "imposíbeis", pois cada vez son máis os Estados que denuncian o xenocidio e dan as costas aos intereses de Israel. 

Nesta liña téñense manifestado nos últimos días os Gobernos de Noruega e da China –que lembraron ás Nacións Unidas que Palestina ten dereito a defenderse–, Irlanda –que prohibiu o uso do seu espazo aéreo para o comercio de armas con Israel–, ou Brasil –que a semana pasada retirou o seu embaixador do Estado sionista–. 

Unhas medidas saudadas polas entidades convocantes, e que exixen tamén tanto ao Goberno español como ao galego, acabado de saír das urnas, xunto á fin do comercio de armas con Israel e o recoñecemento real do Estado palestino "que tantas veces foi prometido".