Ensino

O vindeiro curso comezará con 2.409 matrículas menos

Unha crianza no comezo do curso 22/23 no CEIP Manuel Mallo Nadela de Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Sindicatos e oposición reclaman baixar as ratios.

O número de alumnas e alumnos matriculados na Galiza no curso 2023/2024 será inferior que o anterior: uns 4.400 menos. Así o deu a coñecer esta cuarta feira, 6 de setembro, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, que compareceu para avaliar o inicio do curso, o último dunha lexislatura "francamente complexa, coa pandemia e a aplicación dunha nova lei de educación". 

A isto sumou Rodríguez a situación demográfica, "cun descenso poboacional que inflúe tamén no descenso de alumnado nos cursos". Concretamente, son 2.409 alumnos e alumnas menos, uns 2.600 menos en Infantil e Primaria que se contrarrestan co "pequeno incremento na ESO e en Bacharelato. Da mesma maneira, o conselleiro puntualizou que non se ten en conta o alumnado de Formación Profesional, unha etapa que conta con ritmos de matriculación diferentes. 

Esta "situación demográfica" á que fixo referencia esta cuarta feira Rodríguez serviulle tamén como xustificación para a supresión de 89 prazas e 60 unidades de Infantil e Primaria "nun dos maiores recortes dos últimos anos", segundo denunciou a federación de Ensino da CIG. 

En relación tamén coa redución de alumnado nas aulas da Galiza, tanto sindicatos educativos e como os partidos políticos da oposición demandaron, ante a baixada das matriculacións para este curso, rebaixar as ratios e a carga horaria e burocrática do profesorado

Preguntado polas ratios alumnado-profesorado nos centros galegos, Rodríguez insistiu en que "a Galiza está na mellor situación" con respecto ao resto do Estado español. "70% das nosas aulas están por baixo dos 20 alumnos e alumnas. Non temos unha ratio tan mala, nin moito menos", comentou, sinalando ademais que a posíbel xustificación coa baixa densidade no rural "dáse en todo o territorio" estatal. 

Alumnado matriculado 

O conselleiro de Educación desagregou os datos de matriculación. O curso 2023/2024 comeza a vindeira segunda feira para un total de 311.823 alumnos e alumnas: 50.117 en Educación Infantil; 129.290 en Primaria; 1.273 en Educación Especial; 98.074 na ESO; e 33.069 no Bacharelato. Segundo apuntan desde a Consellaría, este curso haberá en funcionamento 11.924 aulas.