As cifras da Primaria: un médico por cada 10.000 habitantes en Vilagarcía

Duas personas maiores caminan polas rúas de Vilagarcía (Foto: Xoán Roberes).
A falta de profesionais médicos condiciona a calidade da asistencia sanitaria en lugares como Vilagarcía, Marín ou Ponteareas.

A crise que padece a Atención Primaria na Galiza, agudizada pola explosión de contaxios da Covid-19 e a consecuente carga de traballo para as e os profesionais desta especialidade, está a evidenciar as eivas do servizo.

Tal e como informou na terza feira Nós Diario, 70% do traballo da Primaria faise a distancia, e só 30% das consultas son presenciais.

Aliás, hai arredor dun milleiro de prazas vacantes de persoal médico sen cubrir, polo que os tempos de agarda nalgúns centros de saúde do país superan as dúas semanas.

Cómpre lembrar, ao fío desta cuestión, que nas dúas últimas semanas de 2021 contraeron a Covid-19 900 sanitarios e sanitarias galegas.

Isto provoca, segundo puido confirmar este xornal, que no centro de Vilagarcía só haxa na actualidade catro médicos de catorce prazas que ten. Dado que a cidade ten 37.545 habitantes, a ratio é de case 10.000 pacientes na axenda de cada médico.

Algo semellante acontece en Marín, onde un profesional médico debe atender 2.200 persoas, xa que só están dispoñíbeis seis de catorce.

E o mesmo ocorre en Ponteareas, que ten 22.942 habitantes e apenas oito de catorce médicos operativos.