'Vigo somos todxs': o tecido asociativo da cidade mobilizarase contra un Goberno local que "nin escoita nin respecta"

Diferentes mobilizacións convocadas previamente por Vigo Histórico, Bembrive en Pé, Avibe e Grupos en Loita. (Fotos: Nós Diario)
Diferentes entidades sociais, ecoloxistas ou culturais suman forzas para realizar unha protesta conxunta o próximo 5 de febreiro contra o Concello de Vigo, sempre alleo, aseguran, ás súas constantes reivindicacións.

"Escoitar e respectar". Esa é a principal reclamación do tecido asociativo vigués, que o próximo domingo 5 de febreiro convoca unha protesta conxunta contra o "ninguneo" do Goberno local apoiada por colectivos como Afectados polo Vial de Beade (Avibe), Vigo Centro, Bembrive en Pé, Vigo Histórico, Os Ninguéns, Defensa do Parque García Picher ou Grupos en Loita.

Son entidades procedentes de ámbitos moi diversos, desde a música até os dereitos sociais, pasando pola defensa do patrimonio, mais teñen un nexo común: a falta de atención das súas reivindicacións por parte do Concello de Vigo. É por iso que decidiron sumar forzas nesta acción colectiva que decorrerá ás 12 horas do citado día na porta do Sol.

Nun comunicado remitido esta segunda feira aos medios, lamentan que o Executivo que lidera Abel Caballero, facendo gala da súa maioría absoluta, "non negocia e non atende as críticas dos veciños e veciñas da cidade", impulsando "actuacións unilaterias que afectan o noso día a día e que non son consensuadas, consultadas ou participadas cos milleiros de persoas afectadas".

No momento no que discrepan con tales actuacións, afirman as entidades asinantes, "o Concello vai á contra no canto de dialogar". Baixo o lema 'Vigo somos todxs', estas entidades mobilizaranse para demandar un "modelo novo" de cidade que "priorice a calidade de vida fronte ao investimento privado, tendo en conta os desafíos de sustentabilidade e mobilidade que afronta a cidade".

Fan alusión a conflitos como os de Beade e Bembrive, onde boa parte da veciñanza participa dos movementos asociativos contrarios aos proxectos do vial PO-010 e o novo treito da A-52, que "ameazan con romper parroquias e destruír un dos enclaves ecolóxicos máis importantes da cidade, sen contar con informes que avalen e xustifiquen ditas obras".

Unha situación semellante é a que se produciu na zona vella de Vigo, onde se reclama desde hai anos unha peonalización que non inclúa o túnel da porta do Sol "polos efectos no patrimonio que está a ter". Denuncian tamén a "perda de zonas verdes e árbores" na cidade, cuestión que exemplifican nos casos da Ronda de Don Bosco, a Gran Vía ou O Castro. "E como tamén se pretende que ocorra noutros espazos", alertan desde o colectivo Defensa do Parque García Picher.

Durante o Nadal, aliás, acrecentouse outra das principais problemáticas para o tecido asociativo: o tráfico, a contaminación acústica e as dificultades na mobilidade que "afectan totalmente a vida cotiá" da veciñanza, nomeadamente a que reside na zona centro. Reclaman o cumprimento dos seus "dereitos fundamentais" e pìden velar pola protección da Alameda.

Por outra parte, desde o colectivo Os Ninguéns urxen "máis medios e actuacións" para combater unha das principais eivas e moi arraigada na cidade: a pobreza. Finalmente, a coordinadora Grupos en Loita dá voz ao sector cultural para reclamar "mellores condicións" nas salas de ensaio, a participación de bandas viguesas na programación municipal, e a fin das "actuacións policiais inxustificadas" contra concertos na cidade.

Todas estas peticións escoitaranse na porta do Sol o primeiro domingo de febreiro para demandar "unha cidade máis habitábel e sustentábel, que nos teña en conta a todos e todas e non reduza á marxinalidade as múltiples asociacións e colectivos, os cales temos moito que decir e aportar polo Vigo que queremos".