De Vigo a Porto en tren en menos dunha hora

Á esquerda, o tren que une Porto con Vigo na estación de Guixar.

O Goberno portugués vén de anunciar dúas grandes actuacións na rede ferroviaria con grande impacto na Galiza: a implantación da alta velocidade entre Lisboa e Porto e a creación dunha nova liña entre Porto e Vigo.

Cun investimento de 43.000 millóns de euros e no marco do Programa Nacional de Investimentos 2030, o Goberno de Portugal anunciou na quinta feira unha nova liña ferroviaria que unirá Porto con Vigo en menos dunha hora.

Alén diso, construirá unha infraestrutura de alta velocidade entre Lisboa e Porto. O traxecto que une as dúas principais cidades lusas pasaría de ter unha duración de tres horas a tan só unha hora e quince minutos.

Segundo o ministro de Infraestruturas, Pedro Nuno Santos, os trens viaxarían a unha velocidade de entre 220 e 250 quilómetros por hora e farán posíbel outras conexións, como unir Porto con Coimbra en só media hora.

Media hora tamén será o que leve viaxar na nova liña Porto-Vigo unha vez que se acometan estas actuacións anunciadas. O traxecto pasaría das dúas horas e media actuais a apenas 55 minutos. Aliás, o tramo Braga-Vigo realizarase en 35 minutos. O Goberno luso apelou ás “fortes conexións” de Portugal coa Galiza.

O Ministerio de Infraestruturas prevé que a liña Porto-Vigo fique finalizada en 2030. Incluirá, ademais, unha conexión ferroviaria ao aerporto de Sá Carneiro, que xa se nutre de numerosas viaxeiras e viaxeiros galegos pola súa oferta internacional.

O anuncio provocou a reacción do secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, que instou o Goberno español a “tomar exemplo” e a investir no corredor atlántico, co fin de que saque a concurso o estudo informativo da saída sur de Vigo para permitir que os portos e aeroportos fiquen conectados polas vías de ferro.

O representante do Eixo Atlántico salientou que, unha vez acometidas as obras anunciadas polo Executivo luso, a distancia en tren entre A Coruña e Lisboa será de catro horas e media. Menos tempo que o que leva viaxar da Coruña a Madrid en tren, aínda contando coa rebaixa de 50 minutos anunciada por Renfe para a liña que une a cidade herculina coa capital de España.