Galiza non ten nada que envexar ao porto de Rotterdam. Cando menos así o ve o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, que esta quinta feira falou sobre a necesidade de dotar Ferrol dunha conexión ferroviaria coa Coruña “competitiva e adaptada ás necesidades dos cidadáns e das empresas destas comarcas”.
Durante a súa visita a estas cidades, Vázquez Mao salientou que esta cuestión “non é un problema local; é galego”, polo que cre que a Xunta “tamén debe explorar a súa capacidade de actuación e de presión”.
Neste senso, indicou que “agora mesmo existe unha discusión entre as opcións atlántica e mediterránea para o transporte marítimo e imporase a que teña mellores infraestruturas”. Por este motivo considera que a conexión de Ferrol coa Coruña, para el a “espiña cravada” do eixo ferroviario Ferrol-Lisboa, é “tan imprescindíbel para Galiza”.
Con fondos europeos
As persoas expertas do Eixo Atlántico están a traballar na actualidade nun documento sobre a realidade desta infraestrutura que remitirán nos próximos meses ao Ministerio de Fomento para que teña unha referencia máis á hora de completar o mapa de comunicacións da Galiza, que segundo as estimacións do Eixo, precisará 5.000 millóns de euros dos que a metade poden cofinanciar con fondos europeos e o resto con cargo a préstamos do Banco Europeo de Investimentos.