Vigo maniféstase polo "fin do xenocidio e da ocupación" en Palestina

Manifestación a favor de Palestina este sábado en Vigo (Foto: @anxoanta).
A manifestación, convocada por BDS Vigo, saíu do cruce de Vía Norte coa rúa Urzáiz ás 12 horas e rematou na Porta do Sol, onde as entidades organizadoras leron o manifesto coas reivindicacións.

“A cidade de Vigo sae á rúa en solidariedade con Palestina”, así o indican desde o movemento BDS Vigo, organizador dunha manifestación que este sábado percorreu as rúas da cidade olívica “polo fin do xenocidio, polo fin do comercio de armas e pola ruptura das relacións con Israel”.

A manifestación saíu do cruce de Vía Norte coa rúa Urzáiz ás 12 horas e rematou na Porta do Sol, onde as entidades organizadoras leron o manifesto coas reivindicacións.

Con esta manifestación, Vigo sumouse ás máis de 80 cidades que, convocadas pola Rede Solidaria Contra a Ocupación de Palestina (Rescop), organizaron accións solidarias con Palestina en todo o Estado español.

A Rescop, que agrupa máis de cincuenta organizacións sociais, colectivos e plataformas cidadás de todo o Estado español, fai un chamamento por primeira vez de forma conxunta e simultánea a que toda a cidadanía saia á rúa para exixir ao goberno do Estado español “medidas concretas e eficaces contra o xenocidio na Faixa de Gaza e a ocupación, o apartheid e o colonialismo en Palestina”.

"Violación de dereitos humanos"

A semana pasada, a ONU, da man do seu secretario xeral, António Guterres, asegurou que a agresión militar de Israel contra o territorio palestino de Gaza “desatou unha destrución a un ritmo sen precedentes”.

“Nada pode xustificar o castigo colectivo do pobo palestino”, recalcou, incidindo en que “estou profundamente preocupado pola clara violación do dereito internacional humanitario que estamos a presenciar”, nunha ofensiva sionista que persoas expertas da ONU cualifican de limpeza étnica e xenocidio.