Vigo aproba ser declarada como cidade libre de maltrato animal

O pasado ano abandonáronse un total de 27.000 animais na Galiza. (Foto: Jesús Hellín, Europa Press)
A moción do BNG recibiu o apoio da Marea e a abstención do PSdeG e PP.

A cidade de Vigo vén de ser declarada no Pleno Municipal como cidade libre de todas as formas de maltrato animal para desta forma conseguir avanzar en políticas a favor do benestar animal.

Isto deuse a coñecer tras a aprobación dunha moción formulada polo Bloque Nacionalista Galego (BNG) que contaba con 14 medidas para situar a cidade como referente en materia de benestar animal. Esta resultou aprobada co voto favorábel da Marea e malia a abstención dos grupos municipais do PSOE e do PP.

O concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, celebrou esta aprobación que dá resposta “á crecente sensibilidade ambiental e da conciencia ecolóxica entre a veciñanza de Vigo, que demanda medidas para avanzar no recoñecemento dos dereitos dos animais”. Por este motivo, defendeu como necesarias estas propostas  para colocar Vigo na “vangarda”  nesta materia.

O candidato nacionalista asegurou que “Vigo ten dado pasos significativos pero insuficientes nesta materia”, como foi a decisión municipal de prohibir no ano 2013 a realización de circos e eventos con animais en cautividade.

As novas medidas

Unha das 14 medidas consiste na elaboración dunha nova Ordenanza Municipal de Protección e Benestar animal que conte coa participación de colectivos e entidades animalistas e de defensa ambiental.

Reclamouse tamén pór fin ao “modelo exhibicionista” de Vigo Zoo, apostando pola implementación da estratexia Zoo XXI que permita reconvertelo de maneira efectiva nun centro de recuperación e estudo da fauna e como un espazo para a sensibilización social sobre a protección e o benestar animal.

Demandouse, de igual maneira, actuar sobre o Centro Municipal de Recollida de Animais Abandonados da Madroa, ampliando e reorganizando as instalacións e avanzando cara ao obxectivo de sacrificio cero.

Outra das medidas abrangue a normalización da presenza de animais domésticos na cidade por medio de estabelecer medidas para permitir o acceso dos mesmos a servizos como o autobús urbano, o albergue municipal e outras instalacións públicas.

Entre esas medidas tamén está prestar atención ao servizo veterinario municipal, que contará con tarifas reducidas e servizos gratuítos no caso das persoas sen fogar e de baixos recursos.

De igual forma, aprobouse que se despregue un programa municipal de esterilización de animais domésticos, así como garantir a aplicación do método CES (Captura, Esterilización e Solta) para controlar o número de gatos na rúa e censar as colonias existentes para unha mellor xestión en colaboración coas asociacións protectoras.